Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > Cultura e Educación desprega ‘Peter Punk’ en Fene, Arzúa, Marín, Bueu e Xinzo de Limia para achegarlle a lingua á mocidade durante as festas estivais

Cultura e Educación desprega ‘Peter Punk’ en Fene, Arzúa, Marín, Bueu e Xinzo de Limia para achegarlle a lingua á mocidade durante as festas estivais [1]

O novo circo e o humor máis retranqueiro combínanse nunha iniciativa que percorrerá 36 localidades da Rede de Dinamización Lingüística durante o verán

A actividade desenvolve unha das liñas de actuación previstas na programación anual deste organismo para 2013

Gallego
Cultura e Educación desprega ‘Peter Punk’ en Fene, Arzúa, Marín, Bueu e Xinzo de
Cultura e Educación desprega ‘Peter Punk’ en Fene, Arzúa, Marín, Bueu e Xinzo de Limia para achegarlle a lingua á mocidade durante as festas estivais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a fornecer de actividades de promoción social do galego os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. En concreto, e durante esta semana, o espectáculo “Peter Punk” chegará aos municipios de Fene, Arzúa, Marín, Bueu e Xinzo de Limia para ampliar a presenza da lingua galega nas festas locais e dinamizar o seu uso entre a veciñanza máis nova.

Nesta iniciativa, incluída na programación anual da RDL para este ano, o pallaso “Peter Punk” sorprenderá aos asistentes cunha proposta de teatro e circo de rúa centrada no humor máis retranqueiro. Coa proposta quérese presentar o idioma propio de Galicia como parte fundamental e imprescindible da vida cotiá, sempre dende unha visión positiva, divertida e ligada co tempo de lecer.

Durante os 60 minutos de espectáculo ao aire libre, as gargalladas do público mesturaranse coa espectación dos difíciles xogos malabares que o protagonista realizará en directo. “Peter Punk” sacará da maleta bólas, mazas, aros e ata fachos de lume, cos que executará todo tipo de exercicios que semellan imposibles. Tamén realizará figuras de globoflexia en tempo récord e sorprenderá cun final inesquecible.

Lingua nos programas festivos do Carme e da Santa Mariña

O primeiro dos pases de “Peter Punk” nesta semana será esta mesma tarde na Praza do Concello de Fene ás 20:00 horas, dentro da programación do Ciclo Día Nacional de Galicia. Mañá martes, o espectáculo destinado á xente nova trasladarase a Arzúa, cunha sesión ás 18:00 horas -tamén na Praza do Concello- no marco das Festas do Carme. En caso de choiva, a actividade desenvolverase no recinto feiral.

A axenda do mércores inclúe outros dous pases na Comarca do Morrazo para festexar o Carme. O primeiro deles en Marín, á altura do palco da música da Alameda Municipal, ás 18:00 horas (en caso de choiva, no Multiúsos da Praza de Abastos) e o segundo en Bueu, ás 21:00 horas, na Praza de Massó (en caso de choiva, na Casa do Mar).

A localidade ourensá de Xinzo de Limia será a anfitrioa, o venres, do derradeiro pase da semana, do que se poderá gozar ás 12:00 horas no Parque do Toural, para festexar a Santa Mariña. Se chove, trasladarase á Casa da Cultura.

Dinamización lingüística nas festas estivais

“Peter Punk” é unha iniciativa contemplada na programación anual de actividades da RDL para este ano coa que se pretende promover o galego entre a mocidade no marco das festas de verán. Integrada nos carteis festivos locais, a actividade permite ampliar a oferta de lecer en galego nun marco proclive ao divertimento e de grande arraigo en Galicia.

O espectáculo, destinado maioritariamente ao público xuvenil, pretende achegarlle a lingua galega dun xeito divertido, presentándoa a través dunha actividade moderna e sorprendente que favorece a creación de espazos de uso e socialización en galego.

Ata finais de setembro, o espectáculo de novo circo completará un intenso itinerario que o levará por 36 entidades locais da RDL. Toda a información e o calendario completo da xira están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/peter_punk [2].

Lingua galega [3]
Entidades autonómicas [4]
Profesorado [5]
Alumnado [6]
Familias [7]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/10142

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/10142
[2] http://www.xunta.es/linguagalega/peter_punk
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/234
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/404
[5] https://www.edu.xunta.gal/portal/profesorado
[6] https://www.edu.xunta.gal/portal/alumnado
[7] https://www.edu.xunta.gal/portal/familias