O conselleiro de Educación percorre o Parlamento con preto 100 escolares participantes en ‘Os valores desde Aldeas Infantís SOS’ [1]
Xesús Vázquez Abad mostrou ás nenas e nenos o Parlamento de Galicia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañou na mañá de hoxe a preto de 100 nenas e nenos de 4º,5º e 6º de Educación Primaria que visitaron o Parlamento de Galicia como integrantes do programa educativo ‘Os valores desde Aldeas Infantís SOS’.
Durante a visita o conselleiro destacou que “os valores que foron a cerna do voso programa educativo ao longo deste curso: a bondade, o diálogo e maila paz, son palabras cuxo significado máis fonde encerra as claves do voso futuro desenvolvemento na vida en sociedade”. Ademais, Vázquez Abad recomendoulles non esquecer que o Parlamento e” o espazo no que esas palabras adquiren o seu sentido máis transcendental”.
“A bondade, na procura do mellor para todos. O diálogo, no que a comunicación humana establece pontes entre os cidadáns. E a paz, como valor supremo no que conflúen a cultura, a democracia e o respecto á diversidade” dixo o titular de educación da Xunta de Galicia. A isto engadiu que “todo isto xunto actúa como resorte para a promoción dos valores que fan posible a convivencia. Son pautas de comportamento imprescindibles na sociedade global que se ergue perante nós, cada vez con maior e máis fomridable presenza consonte avanza o século XXI”.
Durante a visita os estudantes dos colexios Virxe do Rocio, de Vigo; Maestre Vide, de Ourense; Galén, de Lugo; e Pío XII, de Santiago, estiveron acompañados polo conselleiro de Educación, que o acompañou no percorrido polas instalacións. A actividade completouse coa intervención do conselleiro, da presidenta de Aldeas Infantís, Rosa María Freire Pichin, e con catro discursos, que deron catro estudantes, un por cada un dos centros que estiveron hoxe no Parlamento.
O programa de Aldeas Infantís
Ademais realizaron unha votación en torno aos compromisos que os nenos galegos queren cumprir para asumir os valores de bondade, diálogo e paz.Todos estes valores foron as bases sobre as que traballaron ao longo do ano os 13.300 estudantes galegos, de 133 centros escolares que participaron no programa de Aldeas Infantís.
Para a Aldeas Infantís SOS o obxectivo é a comprensión e asimilación dos valores que hoxe se trataron no hemiciclo do Parlamento, xa que os consideran elemento clave para o futuro desenvolvemento das nenas e nenos ao longo das súas vidas. No programa participan máis de 400.000 escolares españois de entre 4 e 12 anos, procedentes de 4.000 escolas de toda España.