Máis de 1.200 persoas presentáronse as probas para obter o Certificado de Lingua Galega durante a pasada fin de semana

A vindeira fin de semana rematará a convocatoria de novembro dos Celga, que pon en marcha Política Lingüística, coas probas correspondentes aos nives 1 e 3

Gallego

1.276 persoas realizaron esta fin de semana as probas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para obter o Celga, o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas. O sábado leváronse a cabo os exames correspondentes ao Celga 4, aos que se presentaron un total de 788 persoas. Na comunidade galega, por cidades, A Coruña foi o lugar onde máis xente realizou as probas, cun total de 239 persoas. Na cidade de Pontevedra presentáronse 202 persoas, mentres que en Santiago e Lugo o fixeron 155 e 115, respectivamente. Finalmente, na cidade de Ourense realizaron os exames do Celga 4 49 persoas. Estes datos revelan que a porcentaxe de presentados ao Celga 4 na comunidade galega representa un 76% do total de matriculados, que ascendía a un total de 996 persoas. Fóra de Galicia, realizaron estas probas 28 persoas.

Ás probas do Celga 2 presentáronse o 86% dos matriculados

Polo que respecta ás probas do nivel 2, que tiveron lugar onte, foron un total de 488 persoas as que se presentaron. Novamente, A Coruña foi a cidade que máis xente rexistrou, cun total de 142 persoas. Seguiuna a capital galega, con 102, e mais a cidade de Pontevedra, con 100. Finalmente, en Lugo e en Ourense realizaron os exames para obter o Certificado de lingua galega do nivel 2 un total de 67 e 62 persoas, respectivamente. Neste caso, a porcentaxe de presentados foi superior á do Celga 4, xa que supuxo un 86% dos candidatos. En puntos de fóra da comunidade galega foron 15 persoas as que realizaron as probas.

Exames dos Celga 1 e Celga 3

A vindeira fin de semana levarase a cabo a parte escrita e mais a proba oral dos outros dous niveis do Celga. Concretamente, o sábado realizaranse as probas do Celga 3, nas que están matriculadas 572 persoas, e o domingo, as do Celga 1, que contan con 262 inscritos.

Recursos para a aprendizaxe do galego

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de completar a comezos deste mes a colección Aula de Galego. Trátase de catro manuais ¿cada un inclúe, ademais do libro, un CD con audicións, unha sección de exercicios e un anexo con resumo gramatical¿ que se corresponden cos catro niveis do Celga mediante os que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende facilitar a aprendizaxe do galego tanto en Galicia como noutros puntos de España e do estranxeiro nos que se está a promover o coñecemento desta lingua.

Colectivo: 

O conselleiro de Educación recibiu a Abel Caballero para analizar a situación dos centros educativos de Vigo e comarca

No encontro abriuse a posibilidade de establecer un convenio de colaboración para acometer obras reforma e construción de novos colexios e institutos na cidade

Gallego

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, valorou positivamente o encontro mantido hoxe co alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que fixeron unha análise pormenorizada da situación dos centros educativos da cidade olívica.

En declaracións aos medios, Xesús Vázquez Abad explicou que na reunión se abrira a posibilidade de establecer un convenio de colaboración co Concello, para dar resposta a todas as necesidades dos centros escolares. "Para nós a cidade de Vigo é un dos nosos obxectivos prioritarios" reiterou o conselleiro, lembrando que os Orzamentos de 2010 destinan 8,6 millóns de euros a construción de novos centros, o que supón un incremento de case 5 millóns con respecto ao ano anterior. Ademais, indicou que existe unha importante partida específica para traballos de reforma, ampliación e mellora nos colexios e institutos, mostra de que desde a Consellería de Educación "somos conscientes destas demandas", dixo Vázquez Abad. De feito, a actual Consellería investiu xa arredor de 1,5 millóns de euros neste tipo de obras e, a curto prazo, comezaranse a acometer outros traballos. O obxectivo, reiterou Vázquez Abad, é que "nesta lexislatura poidamos ter rematado este proxecto educativo para a cidade de Vigo e toda a súa comarca".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou así mesmo a reunión como "moi cordial e moi positiva", e mostrouse de acordo coa opción de manter unha colaboración coordinada para dar resposta ás necesidades dos centros educativos de Vigo.

CEIP de Altamar

Durante o encontro, conselleiro e alcalde seguiron a traballar na definición do futuro CEIP de Altamar. Neste momento, a Consellería de Educación está á espera de que o Concello lle ceda os terreos para poder construír o novo colexio, mantendo o seu compromiso de que o alumnado poida gozar das novas instalación canto antes.

Pola súa parte, Abel Caballero explicou que o Concello está a estudar a ubicación do devandito centro, xa que existe "unha dificultade real e obxectiva para encontrar o solo para o novo edificio. É unha cuestión que -asegurou- temos que analizar moi a fondo".

Colectivo: 

O programa Bocaberta de Política Lingüística prosegue o seu percorrido para fomentar o galego entre os máis novos

As actividades que o departamento de Anxo Lorenzo desenvolve xunto coas principais editoriais galegas chegaron hoxe aos concellos do Porriño, Becerreá, Bueu, Moaña e Culleredo

Gallego
Programa Bocaberta
Programa Bocaberta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa o seu percorrido polos concellos galegos para promover co seu programa Bocaberta o uso da lingua galega entre as franxas de idade máis novas. As localidades do Porriño, Becerreá, Antas de Ulla, Bueu e Moaña serán os escenarios que hoxe acollerán as actividades desta iniciativa que está a desenvolver o departamento de Anxo Lorenzo en colaboración coas principais editoriais galegas.

Ata o centro cultural do Porriño chegou hoxe Contos para falar, unha actividade que se desenvolve en colaboración coa editorial Rodeira consistente en montaxes narrativas e musicais que levan os nenos e nenas de entre 3 e 9 anos por unha viaxe ao longo de Galicia. Por outra banda, os rapaces e rapazas de 11, 12 e 13 anos do instituto Illa de Ons de Bueu puideron compartir o proceso de creación e ilustración de obras literarias a través da actividade Creando historias, organizada en colaboración coa editorial A Nosa Terra. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, será o IES A Paralaia de Moaña o escenario desta actividade.

Os máis novos de Antas de Ulla tamén puideron gozar hoxe do programa Bocaberta coa iniciativa Titiricontos, que tivo lugar na Casa da Cultura deste concello. Trátase dunha representación de monicreques da historia de Perico, o cangrexo, baseada nunha colección infantil da editorial Ir Indo. O programa Bocaberta tamén chegou hoxe ao CEIP San Xoán Becerreá a través de Monicrequeando, un espectáculo de marionetas deseñado pola Editorial Galaxia no que os rapaces e rapazas que participan reciben un libro coa historia Rato Pincho e mais un manual no que se lles aprende a construír monicreques. Finalmente, a Biblioteca Municipal de Culleredo acolleu Palabras no ar, unha actividade de dinamización do galego en colaboración con Kalandraka que lles achega aos máis pequenos os nosos arrolos, ritmos, rimas, xogos, refráns etc.

Mañá martes, os concellos do Porriño, Culleredo, A Fonsagrada, Mondoñedo, A Proba do Caramiñal, O Páramo e Porto do Son serán os escenarios onde se desenvolvan algunhas das actividades do programa Bocaberta, no que está previsto que ata fin de ano participen arredor de medio millón de rapaces e rapazas nos 286 concellos aos que chegará este programa de dinamización do galego. Na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, pode consultarse o calendario completo de datas.

Unha oferta lúdica e educativa para fomentar o uso da lingua galega

O programa Bocaberta confórmano diversas actividades elaboradas desde os intereses dos nenos e dos mozos, como teatriños, exposicións, contacontos, emisións radiofónicas, montaxes audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas ou proxeccións de películas. Con este programa, a Xunta de Galicia reafirma a súa vontade de fomentar o galego entre os máis pequenos, buscando a implicación das administracións, dos axentes culturais e do conxunto da sociedade.

Colectivo: 

Máis de 400 docentes e orientadores reúnense, en Santiago, nas Xornadas de Escolarización de Alumnado Inmigrante

O conselleiro de Educación recibiu esta mañá a destacados relatores que participan nas conferencias

Gallego
O conselleiro de Educación xunto a relatores destacados
O conselleiro de Educación xunto a relatores destacados

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, inaugurou esta tarde as ''Xornadas de escolarización de alumnado inmigrante'' baixo o título 'Eliminando Fronteiras'. No acto de inauguración estivo tamén presente o subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón Turrientes.

Antes de dar comezo ás xornadas, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, recibiu esta mañá aos relatores dos distintos obradoiros que se van desenvolver. Entre eles, a agregada de Educación da Embaixada en España do Reino de Marrocos, Zoubaida Ben Haddad; a coordinadora de 'Obxectivos do Milenio de Nacións Unidas' para España, Marina Navarro; representantes do Centro de multiservicios educativos (CEMSE) e do CEPJA, ambos de Bolivia; do Centro cultural Poveda (República Dominicana); da Fundación del Viso (Arxentina); e un grupo de docentes da Universidade de Santiago de Compostela. O conselleiro puido charlar con eles, interesarse polos seus proxectos, e amosarlles a súa satisfacción pola súa presenza en Galicia co gallo deste evento.

Ata mañá reuníranse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, máis de 400 docentes e orientadores de todos os niveis educativos co obxectivo de intercambiar experiencias e resolver dúbidas metodolóxicas sobre como afrontar a educación inclusiva nos centros escolares galegos, de tal forma que o alumnado aprenda a entender as diferenzas culturais ou sociais con respecto aos seus compañeiros como un elemento enriquecedor.

Proxectos de cooperación

Ademais de conferencias e obradoiros, o Palacio de Congresos acolle unha exposición de iniciativas de ONG's de toda Galicia, que aproveitan as xornadas para presentar os seus diversos proxectos de cooperación, nomeadamente aqueles directamente relacionados coa educación para o desenvolvemento e do acceso á escolarización en igualdade de condicións.

Neste marco, a ONG InteRed -coorganizadora do evento- presentou a campaña 'Educar sumando, á fórmula do cambio. A educación inclusiva, motor do desenvolvemento humano', coa que pretenden sensibilizar á comunidade educativa e á sociedade nos eu conxunto da necesidade de adquirir un compromiso cidadá para camiñar cara a unha sociedade que inclúa a todos os seus membros. A iniciativa vaise desenvolver en centros escolares de toda Galicia nos que, a través de materiais didácticos multimedia, se vai promover a cooperación ?en substitución da competición- , de tal modo que se garanta que todo o alumnado, independentemente da súa orixe socioeconómica e cultural, teñan as mesmas oportunidade de aprendizaxe en calquera contexto educativo.

Hoxe desenvolveranse varios relatorios nos que se analizarán proxectos de educación inclusiva nos países de orixe do alumnado inmigrante. Dentro deste programa, a Directora do Consello da Cultura da República Dominicana, Dinorah García Romero, fará un achegamento á 'Educación inclusiva: un desafío antes as desigualdades educativas e sociais'; para deixar paso á mesa redonda 'Sociedade e Educación nos países de procedencia'.

Neste relatorio terán voz figuras de relevancia como a agregada de Educación da Embaixada en España do Reino de Marrocos, Zoubaida Ben Haddad, que presentará o Programa Hispano Marroquí de Lingua Árabe e Cultura Marroquí (LACM); e a directora da área de Educación de Casa Asia, Eva Borreguero, que explicará os principios básicos de 'Escuela de Bambú', un proxecto de educación intercultural centrado en amosar a riqueza do patrimonio social, cultural e social do continente asiático. Ademais, a coordinadora do programa 'Obxectivos do Milenio de Nacións Unidas' (ONU) para España, María Navarro, expuxo as liñas fundamentais deste proxecto transnacional.

Tema: 

Colectivo: 

Comisión de habilitacións para funcionarios do corpo de mestres da Coruña (Relación definitiva outubro 2009)

Gallego

Relación definitiva de habilitacións concedidas e denegadas a funcionarios do Corpo de mestres na reunión da comisión de habilitación da Coruña correspondente ao mes de outubro de 2009.

Máis información

Ponse en coñecemento dos funcionarios do corpo de mestres que solicitaron habilitacións ao abeiro da orde do 10 de abril de 1992 (DOG do 24) que no taboleiro de anuncios desta delegación provincial atópanse as listaxes definitivas nas que constan as habilitacións concedidas e denegadas, sinalando as causas que as motivaron.

Tema: 

Colectivo: 

Resolución do 2 de novembro de 2009 pola que se fai pública a nova relación de centros autorizados no curso 2009/2010 para participar no programa de CUALE, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional

Gallego

Xuntase a resolución do 2 de novembro de 2009 pola que se fai pública a nova relación de centros autorizados no curso 2009-2010 para participar no programa de cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, Cuale, nos institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

Anuncio do 29 de outubro de 2009, polo que se comunica a publicación das puntuacións provisionais e a relación de excluídos frauta travesa e tuba

Gallego

Anuncio do 29 de outubro de 2009, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo que se comunica a publicación das puntuacións provisionais e a relación de excluídos do baremo aberto polo Anuncio do 1 de outubro de 2009, da Director Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo que se comunica a apertura dun prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións no corpo de profesores de música e artes escénicas, especialidades de frauta travesa (594410) e tuba (594429).

No ficheiro que se xunta pode verse a Resolución enviada ao DOG así como a relación de excluídos.

Tamén se xunta a convocatoria, así como a outra información con ela relacionada.

Servizo relacionado: 

Ensinanza: 

Colectivo: 

Resolución do 2 de novembro de 2009 pola que se fai pública a nova relación de centros autorizados no curso 2009-2010 para participar no Plan de seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario

Gallego

Xúntase a resolución do 2 de novembro de 2009 pola que se fai pública a nova relación de centros autorizados no curso 2009-2010 para participar no Plan de seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario convocado pola Orde do 18 de abril de 2007.

Tema: 

Colectivo: 

Información sobre o desenvolvemento do programa de deporte en idade escolar XOGADE 2009/2010

Gallego

Xúntase a información sobre o desenvolvemento do programa de deporte en idade escolar XOGADE 2009/2010

Departamento: 

Colectivo: 

Relación provisional de habilitacións concedidas e denegadas da provincia de Ourense

Gallego

Ponse en coñecemento dos funcionarios do corpo de mestres que solicitaron habilitacións ao abeiro da orde do 10 de abril de 1992 (DOG do 24) que no taboleiro de anuncios desta delegación provincial atópanse as listaxes provisionais nas que constan as habilitacións concedidas e denegadas, sinalando as causas que as motivaron.

Ábrese un prazo de reclamacións de dez días, ata o día 21 de novembro de 2009.

Tema: 

Colectivo: