Xesús Vázquez Abad recibe aos 16 alumnos de Catoira que resultaron gañadores do Rally de Ciencias e Matemáticas Sen Fronteiras de Toulouse (Francia)

O conselleiro de Cultura e Educación transmitiu os seus parabéns aos alumnos do C.P.I. Progreso de Catoira: oito mozos e mozas de Ciencias de Segundo da ESO e outros oito da disciplina de Matemáticas de Terceiro

Ven, 14/06/2013 - 19:01
Xesús Vázquez Abad recibe aos 16 alumnos de Catoira
Xesús Vázquez Abad recibe aos 16 alumnos de Catoira que resultaron gañadores do Rally de Ciencias e Matemáticas Sen Fronteiras de Toulouse (Fotos: Comchi Paz)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu no mediodía de hoxe en San Caetano aos dous grupos de alumnos do colexio C.P.I. Progreso de Catoira que resultaron gañadores, cada un no seu nivel, do Rallye de Ciencias e Matemáticas Sen Fronteiras celebrado na súa fase final en Toulouse (Francia). Previamente, os rapaces xa superaran a primeira fase organizada polo propio centro e máis tarde a autonómica no I Rallye galego sen Fronteiras de Ciencias, celebrado en Santiago de Compostela e convocado por Igaciencia.

Deste xeito, o conselleiro transmitiu os seus parabéns aos 16 alumnos vencedores -oito mozos e mozas de Ciencias de Segundo da ESO e outros oito da disciplina de Matemáticas de Terceiro- e felicitounos por levar o nome de Galicia ás cotas máis altas neste prestixioso concurso internacional. Do mesmo xeito, tivo unhas palabras de agradecemento para os seus profesores polo traballo realizado. Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Vázquez Abad congratulouse destes éxitos da comunidade educativa galega que amosan como desde a Administración se están a dar os pasos adecuados para acadar un sistema caracterizado pola calidade e a excelencia. Ademais salientou o apoio da Xunta de Galicia ao ensino no rural, favorecendo que nestes centros a implantación de programas educativos innovadores, de tal xeito que as súas alumnas e alumnos teñan un acceso ás iniciativas máis punteiras no eido educativo en igualdade de oportunidades cos das zonas urbanas.

Os 16 alumnos e alumnas recibidos por Vázquez Abad foron: Inés del Carmen Calo Jamardo, Raquel Castro Rodríguez, Francisco García Catoira, Sara García Figueira, Sonia Lajos Boo, Brais Lorenzo Loureiro, Elena Rodríguez Fraga, Lucía Abalo, Rita Nogueira, Gonzalo Ruibal, Iago Sobrino, Antía Sobrino Romero, Ana Touriño, Marta Vidal y Brayhan Stiven Vinasco Gómez.