A Xunta de Galicia mantén a súa palabra de non presentar recurso contra as sentenzas do TSXG que modifican o Decreto do Plurilingüismo

Cultura e Educación lamenta que a Real Academia Galega non respecte e dubide do compromiso manifestado polo presidente do Goberno galego de acatar o ditado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

A Consellería considera unha falta de respecto á cidadanía galega que a RAG intente agora reavivar este asunto co único obxectivo de tapar os seus problemas internos

Non se entende esta falta de corrección institucional, cando o Goberno galego lles gardou en todo momento o máximo respecto aos todos os seus membros e ás súas decisións

Ven, 19/04/2013 - 23:00

A Xunta de Galicia mantén a súa palabra de non presentar recurso de casación contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que modifican o 5% do contido do Decreto do Plurilingüismo. Neste sentido a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta que a Real Academia Galega  (RAG) desprece o compromiso manifestado polo propio presidente da Xunta –na comparecencia posterior ao Consello da Xunta do 14 de marzo- de acatar o ditado nos fallos, tendo en conta ademais que o Alto Tribunal avala o 95% do texto do Decreto.

O presidente en funcións, Xosé Luís Axeitos, tivo unha falta de respecto institucional co Goberno galego, ao intentar desviar a atención das propias augas revoltas na RAG difundindo informacións totalmente falsas sobre as intencións da Consellería de enganar á sociedade. Así, é necesario lembrar que o prazo de trinta días que o Tribunal Supremo lle abre á Xunta para manifestar se sostén a súa intención de presentar recurso de casación é un mero trámite procesual. Polo tanto, tal e como xa se manifestou no seu día, a Consellería nin formalizou nin interporá recurso de casación, co que calquera outra interpretación dos servizos xurídicos da RAG é unha falsidade. En todo caso, para deixar dabondo aclarada a situación, a vindeira semana os servizos da Asesoría Xurídica Xeral da Administración autonómica valorarán a presentación dun escrito formal de renuncia á interposición do recurso, trámite que non é imprescindible, xa que o mero transcurso do tempo é suficiente para quedar desistido, como xa aconteceu con algunhas das sentenzas ditadas. A Xunta nega, confirmando as palabras do seu presidente, que teña intención de interpor recurso ningún contra as sentenzas do Decreto do Plurilingüismo.

Desta forma o Goberno galego cumpre coa palabra dada ás galegas e galegos de respectar as sentenzas do TSXG e de non crear máis polémica innecesaria arredor dun texto que se mantén no seu 95% tal e como estaba. A Consellería considera totalmente impropio dun presidente en funcións, e en vésperas dunhas eleccións, que intente introducir este asunto co único obxectivo de tapar os seus problemas internos.

Debemos lembrar, ademais, que a Xunta de Galicia mantivo sempre unha postura exemplar diante do proceso de cambio na RAG respectando escrupulosamente a súa autonomía e facendo un gran esforzo por mellorar o seu financiamento. Por iso non se entende agora esta falta de corrección institucional, cando o Goberno galego lles gardou en todo momento o máximo respecto a todos os seus membros e ás súas decisións como órgano corporativo e institución de referencia.