Cultura e Educación pon en marcha “Brinca Gaiás”, ciclo de música, teatro e danza para os pequenos da casa

O ciclo busca achegarlle aos nenos a paixón pola música, a ópera, o teatro ou a danza a través do xogo e a diversión
O CINC acollerá o 17 de febreiro o espectáculo “I’l Cirque D’Amore”, recital de ópera e obra de teatro para nenos maiores de 4 anos. As entradas xa están á venda en www.servinova.com
Mér, 06/02/2013 - 13:36
Cultura e Educación pon en marcha “Brinca Gaiás”, ciclo de música, teatro e danz
Cultura e Educación pon en marcha “Brinca Gaiás”, ciclo de música, teatro e danza para os pequenos da casa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha na Cidade da Cultura o ciclo para toda a familia Brinca Gaiás, co que achegarlle aos máis pequenos da casa a paixón pola música, a ópera, o teatro ou a danza a través do xogo e a diversión.

Tras o éxito do programa Pequeclassics, os nenos volverán ser neste 2013 os protagonistas na Cidade da Cultura a través dun ciclo co que inculcar o gusto polas artes escénicas desde idades temperás. Humor, ritmo, sorpresas e, por riba de todo, divertimento nuns coidados espectáculos no que grandes e pequenos compartirán protagonismo.

I’l Cirque D’Amore, o 17 de febreiro

Brinca Gaiás arrancará o domingo 17 de febreiro con I’l Cirque D’Amore, recital de ópera e obra de teatro ao mesmo tempo. Micaela, Pierrot e Figaro serán o fío conductor dunha divertida e didáctica historia na que se interpretarán en directo fragmentos de coñecidas óperas, desdeLa Bohèmede Puccini a Il barbiere di Siviglia de Rossini ou Don Giovanni de Mozart.

O Centro de Innovación Cultural (CINC) será o escenario deste primeiro espectáculo pensado para nenos a partir de 4 anos. I´l Cirque D’Amore terá lugar o domingo 17 de febreiro en dúas quendas: 12 e 17 horas e as entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión, 6 euros no caso de que se merque o mesmo día do concerto na billeteira do Gaiás.

Flamenco para a familia

Tras a ópera, Brinca Gaiás ofrecerá en marzo un concerto que achegará o flamenco ao público familiar. Trátase de Flamenco Kids, espectáculo que lle ofrece aos máis pequenos un concerto didáctico e ameno onde o flamenco e diversos sons convértense no vehículo estético e rítmico para contar unhas historias protagonizadas por un grupo de amigos habitantes do mundo máxico de Quillolandia e que chegarán á alma de nenos e pais.

Flamenco Kidsterá lugar o domingo 10 de marzo, tamén en dúas quendas: 11 e 17 horas, e está pensado para nenos a partir de 3 anos.

Aprendizaxe para bebés 

O 28 de abril serán os máis pequenos da casa os protagonistas a través do Concerto para bebés de Paulo Lameiro, onde os bebés de 0 a 3 anos son convidados a escoitar. Música clásica irá da man de temas tradicionais, pop-rock e improvisacións vogais-instrumentais nos que o público é partícipe. Cada concerto é unha experiencia de complicidades, onde os sons e os silencios sorprenderán a todos por igual. De Monteverdi a Mozart, do cavaquinho aos didgeridoos, intercambiaranse ritmos e sons, todo aderezado coa propia iniciativa do espectador.

Tras o éxito de “Pequeclassics”

O ciclo infantil Brinca Gaiás recolle o espíritu de Pequeclasscis, un dos ciclos máis exitosos da Cidade da Cultura de Galicia e co que os máis pequenos da casa se aproximaron á música clásica. Tras colleitar unha nota media de 9 sobre 10 por parte dos usuarios ao longo das súas dúas temporadas que estivo en marcha e esgotar todas as entradas en todas as súas funcións, a Cidade da Cultura decidiu dar un paso máis e poñer darlle continuidade abríndoo a outro tipo de músicas como a flamenca ou a tradicional e a outros campos das artes escénicas como a danza ou o teatro.