O conselleiro de Educación informa ao Consello Galego de Universidades do compromiso da Xunta de Galicia coas universidades no cumprimento do plan de financiamento

As universidades disporán de trato excepcional na autorización de convocatorias de persoal y no crecemento das partidas de investigación
O Conselleiro de Educación informou do incremento nas bolsas para o alumnado universitario
Continúa o proceso de racionalización de titulacións en graos, másters e doutoramentos
Galicia adapta a totalidade dos programas de doutoramento para o vindeiro curso
Ven, 25/01/2013 - 16:54
Xesús Vázquez Abad presidiu o Consello Galego de Universidades
Xesús Vázquez Abad presidiu o Consello Galego de Universidades

O Consello Galego de Universidades (CGU) reunido por primeira vez na cidade da Coruña, foi informado polo seu titular, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sobre o incremento do 2% no orzamento destinado no 2013 ás axudas e bolsas dos estudantes universitarios. Na mesma xuntanza, coa que se conclúe a primeira rolda de reunións polos sete campus, iniciada no ano 2009, explicáronse os Orzamentos 2013, que xa foran expostos o pasado 14 de xaneiro, e nos que se dá conta da estrita execución do Plan de Financiamento do Sistema Universitario 2011-2015. Un plan que resulta sempre favorable ás universidades tanto nas convocatorias excepcionais para a provisión de persoal laboral fixo, como nas contías que se vinculan ao propio Plan de Financiamento.

Tamén no transcurso da reunión do CGU informouse do proceso que sigue o Proxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia que, unha vez conformado o novo Goberno, continúa coa súa tramitación na Cámara lexislativa. Concretamente, o pasado 10 de xaneiro o Consello da Xunta ratificou a súa aprobación como Proxecto de lei e procedeu á súa inmediata remisión ao Parlamento de Galicia, onde foi admitido a trámite por acordo da Mesa na sesión do 22 de xaneiro.

Axudas aos estudantes

"No contexto duns orzamentos cada vez máis axustados –dixo o conselleiro–, teño que destacar o incremento do 2% na partida orzamentaria destinada a bolsas e axudas para os estudantes universitarios." Procúrase, neste caso, paliar as consecuencias da crise nas economías domésticas das familias galegas e evitar situacións de exclusión ou abandono da educación superior universitaria por motivos económicos. Na mesma liña, Vázquez Abad recordou que "seguiremos apostando por repercutir o menor incremento posible nas taxas de matrícula, do mesmo xeito que fixemos ata o de agora, mantendo o Sistema Universitario de Galicia (SUG) nos niveis máis baixos do Estado".

No informe ao CGU do que deu conta Vázquez Abad, lémbrase que no pasado curso as convocatorias de bolsas e axudas da Consellería de Cultura e Educación tiveron como beneficiarios a un total de 1.962 estudantes universitarios, destinadas ás seguintes finalidades: complementar as bolsas do Ministerio para alumnos do programa Erasmus; axudar a asumir os custos de realización de estudos dunha segunda lingua; premiar aos alumnos que remataron os seus estudos universitarios cos mellores expedientes académicos; apoiar aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios; e axudar economicamente aos alumnos que, por causas sobrevidas ou imprevistas, afronten necesidades económicas para continuar os seus estudos. En calquera caso, trátase de procurar o mantemento da cohesión social e a igualdade de oportunidades no Sistema Universitario Galego.

Incremento do I+D+i

Durante a súa intervención no CGU, o conselleiro recordou que “en consonancia coa aposta do goberno galego pola I+D+i, e en cumprimento das evolucións previstas para estas partidas do Plan, os fondos de transferencia tecnolóxica e de resultados de investigación, increméntanse en dous millóns de euros, que se imputan ao programa 561B de investigación universitaria.” Con estes dous millóns adicionais poderanse manter todos os programas existentes de xestión de talento, consolidación de grupos e apoio á investigación, así como iniciar outros novos.

Indicou tamén o conselleiro que o orzamento presentado permite continuar coas convocatorias existentes: axudas para a consolidación de unidades de investigación; para investigadores emerxentes; de apoio tanto á etapa predoutoral como á etapa inicial de formación posdoutoral; e de prórroga do programa Isidro Parga Pondal. No seu conxunto,  só no ano 2012 supuxeron un total de 321 axudas concedidas. Ademais, a día de hoxe, subvenciónanse 465 contratos de investigación e 178 grupos e, contrariamente á tendencia xeral, en Galicia auméntanse ano a ano os recursos en I+D+i.

Ademais, co obxectivo de apoiar e potenciar accións no eido da investigación, desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, poñeranse en marcha novas iniciativas do Plan I2C, especialmente no referido ao ámbito dos recursos humanos; incidindo nos aspectos da captación e retención do talento.

Orzamentos universitarios

Na sesión do CGU deuse conta detallada das partidas orzamentarias vinculadas ao Plan de Financiamento do SUG, que suman un total de 371,5 millóns de euros para o exercicio 2013 dentro do conxunto das contas consellería que, segundo o conselleiro: “buscan contribuír ao avance da cultura e da educación, dende unha proposta realista e prudente”, garantindo un sistema educativo “público, de calidade, sustentable, innovador e útil  para a formación e a empregabilidade.”

Neste punto, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, expuxo que, se ben a redución da masa salarial da Xunta de Galicia é do 6,3% respecto das contas de 2012, “a repercusión desta baixada no eido das universidades foi atenuada de xeito consciente, aplicando unha redución do 5,4%, isto é case un punto porcentual inferior á aplicada para a Xunta.” Nese sentido cómpre salientar que a redución do capítulo IV polo axuste da masa salarial é menor ca do resto do sector público autonómico e, en calquera caso, permitirá manter todos os cadros de persoal existentes.

Así mesmo, recordouse que esta partida se veu reducida noutros 6 millóns de euros, no capítulo IV do Plan de Financiamento “debido –segundo o propio Vázquez Abad–á regularización que deriva do incremento dos ingresos propios das universidades, procedente dos ingresos extraordinarios obtidos pola variación das segundas e sucesivas matrículas no curso 2012-13, que foron fixadas no decreto autonómico, en aplicación do Real Decreto Lei 14/2012.” Os cálculos realizáronse en base ás propias certificacións das xerencias das universidades respecto dos créditos matriculados. Cómpre lembrar que se trata dunha liquidación a conta, e que os datos de ingresos por matrícula do curso 2012-13 non serán definitivos ata o remate dos prazos de pagamento regulados por cada universidade.

É tamén de subliñar que dos 371,5 millóns de euros con que está dotado o Plan de Financiamento do SUG para o ano 2013, 70,9 millóns, o equivalente ao 19,09%, distribuiranse entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, en base aos resultados obtidos nas distintas áreas clave: Financiamento estrutural, Subvención por resultados e Financiamento por mellora da calidade.

Solicitudes de novas titulacións

No CGU tamén se tratou o tema de solicitudes de novas titulacións para o curso 2013-2014. Expúxose que non haberá novos graos, e incluso reducirase un na universidade da Coruña –pasando así de 119 a118–, posto que –a petición da propia universidade–, se autoriza o Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica que xurde da fusión dos actuais graos en “Arquitectura Naval” e “Propulsión e Servizos do Buque” que se extinguen.

Asemade, hai 8 novos másters que se autorizan para enviar a verificación, sempre por reorganización ou por ser profesionais. Durante o presente curso deixaron de impartirse 41 por diversos motivos. Por último, nos doutoramentos, transfórmanse todos ás esixencias do decreto 99/2011. Isto permite a racionalización e agrupamento das liñas de investigación, reducindo o total de programas de doutoramento ofertados de 158 a111 para a totalidade do SUG. Programas, na súa maioría, máis competitivos e cunha maior masa crítica. Dese xeito, Galicia será das escasas comunidades autónomas que non fará uso da moratoria que previsiblemente aprobará en breve o Ministerio, grazas ao esforzo extraordinario das tres universidades, que traballaron eficazmente para cumprir co prazo orixinal de adaptación.

Tamén deuse conta da avaliación de progreso dos Campus de Excelencia Internacional por parte dunha comisión internacional, salientándose que os dous proxectos galegos obtiveron a máxima nota "A - Good Progress", o que resulta especialmente significativo, posto que só a metade dos campus avaliados obtiveron esta cualificación.

Os asistentes

Neste encontro, o primeiro da lexislatura, tamén estiveron presentes por parte da Consellería, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo, e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario, Lourdes Rodilla. Así mesmo, acudiron os reitores da Coruña, Santiago e Vigo: Xosé Luis Armesto, Juan Casares Long e Salustiano Mato.

Asistiron igualmente os presidentes dos consellos sociais das universidades, Manuel Puga (USC) e Antonio Abril (UDC); tamén estiveron presentes os membros designados polo Parlamento: Maite Cancelo, Manuel Ladra, José Manuel Cid e Federico Vilas.

Asemade no encontro agradeceuse o traballo desenvolvido como vocal polo director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, cargo que agora pasa a ocupar Manuel Antonio Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación.