Cultura e Educación asina convenios coas universidades de Barcelona, Bahía e Heidelberg para a proxección, o ensino e a investigación da lingua galega

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura destas colaboracións para tres cursos académicos

Xov, 06/09/2012 - 17:09

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria daralle continuidade nos tres próximos cursos académicos á proxección da lingua galega na Universitat de Barcelona, na Universidade Federal de Bahía (Brasil) e na Ruprecht-Karls-Universität Heidelberg (Alemaña), a través da sinatura de acordos de colaboración para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

Para iso, o Consello da Xunta autorizou a sinatura destes convenios, cos que se amplía a colaboración, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con estes centros de estudos superiores para posibilitar a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas durante os tres próximos cursos académicos.

Docencia e actividades

Ao abeiro deste marco de colaboración, as universidades incluirán no seu plan de estudos unha importante oferta académica que lle permitirá ao seu alumnado cursar materias de lingua, literatura e cultura galegas.

En concreto, a Universitat de Barcelona ofertará estas ensinanzas nos dous graos en linguas e literaturas modernas, lingüística, filoloxía románica e en estudos literarios; mentres que a Universidade Federal de Bahía o fará nos plans de estudo do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas do Instituto de Letras. Pola súa banda, a Ruprecht-Karls-Universität Heidelberg incorporará estas materias nos plans de estudos das facultades de Linguas Románicas e de Tradución e Interpretación.

Ademais, estes convenios recollen a organización de diversas actividades relacionadas coa investigación, coa promoción e coa difusión do galego, tales como cursos, conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas, exposicións etc., que se levan a cabo tanto no ámbito universitario coma na súa área de influencia.

Preto de 2.000 alumnos e alumnas

O encargado de levar a cabo as iniciativas que se recollen no convenio será un profesor- lector ou lectora de galego, que nomeará a Secretaría Xeral de Política Lingüística por un período inicial dun ano, coa posibilidade de renovación ata completar unha estadía máxima de tres.

Con este tipo de convenios, a Xunta de Galicia posibilitará que, no curso académico 2012-2013, preto de 2.000 alumnos e alumnas estuden lingua e cultura galegas en universidades de Alemaña, Arxentina, Brasil, Cuba, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Uruguai.

A creación destes centros de estudos galegos enmárcase, desde o punto de vista normativo, na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece o desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a convocatoria de prazas nos lectorados destes centros responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior, que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Menús News node R

Ensinanza