Vázquez Abad e Bugalicia asinan un convenio para achegar un 3,5% máis de orzamento para dar acceso de investigadores, docentes e estudantes aos recursos de información científica en liña
A Consellería de Cultura e Educación contribuirá con máis de 1,5 millóns de euros a favorecer o desenvolvemento dos traballos científicos dos investigadores e docentes do Sistema Universitario de Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia), Ricardo Cao Abad, asinaron hoxe un convenio de colaboración ao abeiro do que o departamento educativo da Xunta de Galicia achegará máis de 1,5 millóns de euros a esta entidade, co obxecto de facilitar aos investigadores, docentes e estudantes o acceso aos recursos de información científica en liña. Deste xeito, Bugalicia disporá dun 3,5% máis de orzamento que o pasado ano para esta materia, no marco do compromiso da Consellería coa investigación desenvolvida no Sistema Universitario de Galicia, favorecendo o desenvolvemento de traballos científicos no seu seo.
O obxectivo do convenio, ao que xa deu o visto e prace o Consello da Xunta, é pór á disposición, a través dos servizos e recursos de Bugalicia, dos grupos de investigación, do persoal docente e dos estudantes un abano de recursos de información científica en liña (bases de datos, revistas electrónicas e e-books) que resultan básicos para o desenvolvemento do traballo científico e docente. A axuda irá destinada a financiar o custo dos devanditos recursos, así como do soporte ás novas tecnoloxías nos servizos bibliotecarios. Recursos que serán accesibles para persoal docente e investigador do SUG. Búscase favorecer así o acceso á produción científica que se está a xerar, dentro e fóra, poñendo á disposición dos estudantes e dos investigadores unha útil ferramenta tecnolóxica: o acceso a través da rede a un alto número de recursos electrónicos de información científica.
Bugalicia
O Consorcio Bugalicia ten como obxectivo fundamental a mellora continua da calidade dos servizos bibliotecarios do Sistema Universitario Galego a través da cooperación interbibliotecaria. Ademais, supón dar resposta á evolución das bibliotecas tradicionais cara a un contorno en que a proliferación de recursos electrónicos e as problemáticas de distribución e almacenamento da información mudou o concepto de biblioteca e a xestión da información científica.
Cómpre salientar o importante papel que vén desenvolvendo Bugalicia na mellora continua da calidade dos servizos bibliotecarios das universidades galega a través da cooperación interbibliotecaria. Con esta achega, a consellería pon de manifesto o seu compromiso co impulso da calidade do ensino e da investigación universitaria, fundamental para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da nosa comunidade.