Trinta e seis aspirantes concorren á selección das seis prazas de profesor-lector de galego convocadas por Cultura e Educación
Os docentes seleccionados incorporaranse aos centros de estudos galegos no vindeiro curso 2012-2013
A consellería dirixida por Vázquez Abad renova por medio desta convocatoria seis dos 29 lectorados universitarios de lingua, literatura e cultura galegas cos que conta a Xunta de Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolveu hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a fase de entrevistas persoais contemplada no proceso de selección de profesores-lectores para seis dos 29 lectorados de lingua, literatura e cultura galegas dependentes da Xunta de Galicia noutras tantas universidades do mundo, e que están integrados na Rede de centros de estudos galegos dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que conta na actualidade cun total de 38 centros adscritos.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad convocou o pasado mes de maio, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a renovación destas prazas de profesor-lector de lingua e cultura galegas en universidades estranxeiras, coa finalidade de fornecer de persoal docente lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de universidades españolas e estranxeiras coas que Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mantén convenios de colaboración que favorecen a proxección internacional, a difusión e o coñecemento da lingua galega no mundo.
Selección en dúas fases
Ao proceso de selección presentáronse un total de 103 solicitudes de 45 aspirantes, das cales superaron a primeira fase de valoración curricular de méritos un total de 69 solicitudes de 36 aspirantes. Logo desa fase previa de valoración de méritos, que tivo lugar durante a mañá de onte nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, estes últimos foron convocados, tal e como establecían as bases da convocatoria, á fase de entrevista persoal, na que participaron os respectivos representantes das universidades de destino, que son a do País Vasco (Vitoria), a Sorbona-París III, a de Birmingham, The Queen’s College (Oxford), a de Cork e a Federal de Bahía (Salvador de Bahía).
A universidade máis demandada foi de de Oxford (23 solicitudes), seguida das de Birmingham (22) e Cork (21). Ás de Vitoria e a Sorbona-París III concorreron, respectivamente, 14, e 9 á Federal de Bahía.
Os seis novos docentes seleccionados iniciarán a docencia das diferentes materias de lingua e cultura galegas no vindeiro curso académico 2012-2013.
A proxección exterior do idioma a través dos lectorados
Os centros de estudos galegos nacen a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas. Trátase de órganos de referencia nestas universidades a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.
A maioría destes centros de estudos galegos, concretamente 29 dos 39 que existen na actualidade en países de Europa e de América, refórzanse coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.
29 lectorados universitarios e 38 centros de estudos galego no mundo
A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.
A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a provisión de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.