A Consellería de Cultura e Educación conxela os prezos das matrículas universitarias e contén unha suba mínima nos máster e segundas e sucesivas matrículas
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que establece os prezos para a obtención de títulos universitarios de carácter oficial para o curso 2012/2013
Este decreto certifica que Galicia terá as taxas máis baixas do Estado, tal e como comprometera o goberno da Xunta
Os prezos recibiron informe favorable no Consello de Universidades
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se fixan os prezos correspondentes aos títulos universitarios de carácter oficial no ensino universitario para o curso 2012/2013. Para o vindeiro curso, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, conxela as taxas universitarias nas primeiras matrículas e contén unha suba mínima de máster e segundas e sucesivas matrículas, unha firme aposta deste goberno a prol do estudantado galego.
Segundo establece este decreto, Galicia acóllese ao límite inferior das subas establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para cada tipo de matrícula, conxelando as primeiras matrículas de grao. En segunda, terceira, cuarta e sucesivas matrículas, optarase pola mínima suba, establecendo un límite de incremento para este curso, co fin de minorar o impacto sobre as economías familiares e facilitar que todo os cidadáns poidan cursar estudos universitarios.
A Consellería de Cultura e Educación aposta tamén pola conxelación dos prezos de matrícula dos máster con competencias profesionais, mentres que no resto de máster o incremento será só do 6% este ano, e igual que as segundas e seguintes matrículas de grao, repartido en tres cursos académicos. Asemade, co obxectivo de beneficiar o alumnado, conxélanse as tarifas de expedición de títulos e secretaría, que serán os mesmos que o pasado curso académico, así como a tarifa correspondente á titoría anual de doutoramento.
Os prezos recollidos neste decreto recibiron informe favorable no Consello de Universidades celebrado o pasado 2 de xullo. Unha vez que se publique o presente decreto no Diario Oficial de Galicia, cada universidade emitirá unha resolución reitoral que adaptará os procedementos e prazos de matrícula ás disposicións do presente decreto.
Este decreto certifica que Galicia terá as taxas máis baixas do Estado, tal e como comprometera o goberno da Xunta. Isto débese ao esforzo realizado polo Goberno galego e á boa xestión realizada no que vai de lexislatura, grazas á que se que afronta o escenario de axustes que se están a producir no resto do Estado coas tarefas a prol da eficiencia xa feitas.