A Consellería de Cultura e Educación promove cinco talleres dirixidos a nenos durante os meses de xullo e agosto a través do Centro Galego de Arte Contemporánea

Cada un dos talleres, que terá unha duración de catro días, permitirá aos asistentes reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo que nos rodea

Artistas e profesionais da cultura como María Caramés, Marcos PTT Carballido, Iván Suárez, Miguel Calvo ou Sául Cacharrón son os encargados de dirixir estes obradoiros para todos os públicos que acolle o CGAC

Mar, 03/07/2012 - 12:50
A Consellería de Cultura e Educación promove cinco talleres dirixidos a nenos du
A Consellería de Cultura e Educación promove cinco talleres dirixidos a nenos durante os meses de xullo e agosto a través do Centro Galego de Arte Contemporánea

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza cinco talleres de lecer no CGAC, durante os meses de xullo e agosto, con propostas de creación inspiradas nas exposicións que acollerá o centro durante o verán. O vindeiro venres 6 de xullo o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, inaugurará oficialmente a exposición Esther Ferrer. En cuatro Movementos, ás 20 horas. Esa mesma mañá, ás 12 horas, terá lugar unha rolda de prensa informativa á que asistirán o director do CGAG, Miguel von Hafe; a comisaria do mesmo, Rosa Olivares e a propia artista, Esther Ferrer, que o día anterior  realizará unha performance introdutoria da mostra ás 20 horas.

Os conceptos empregados na obra da artista, tales como a performance, a idea de infinito, a exploración do tempo, o xogo de repetición, a palabra ou o autorretrato, servirán como punto de partida para dous dos talleres, nos que se afondará na conciencia do corpo, coa axuda de Marcos PTT Carballido, ou no emprego de recursos mínimos cotiáns para a creación de imaxes, co fotógrafo Miguel Calvo.  Así mesmo, o universo surrealista de Eugenio Granell, levará á deriva  un cinema de produción infantil dirixido pola deseñadora gráfica e fotógrafa María Caramés, a composición dunha banda sonora disparatada, co musicólogo Saúl Cacharrón, e a ilustración dunha curta co debuxante Iván Suárez.

Cada taller terá unha duración de catro días durante os cales os asistentes poderán reflexionar sobre a importancia da arte para comprender o mundo que os rodea. Os nenos participarán nos procesos creativos da man dos propios artistas, coñecendo e experimentando arredor das múltiples linguaxes, soportes, técnicas e conceptos da arte actual.

A arte para entender o mundo

O primeiro dos talleres, dedicado ao cinema surrealista e denominado Un perro galego, terá lugar entre o 10 e o 13 de xullo. Está dirixido por María Caramés e pensado para nenos de 4 a 6 anos. Vaise centrar na elaboración dunha produción cinematográfica que axude a potenciar as capacidades de expresión corporal e a creatividade, explorando diferentes xeitos de crear historias de ficción mediante o xogo, o humor, as sombras e os soños, botando man das pautas do cinema de vangarda e do mundo surreal.

O taller de clown, cabaré e expresión corporal, Non controles, que coordina o actor Marcos Carballido do 16 ao 19 de xullo, está dirixido a persoas a partir dos 14 anos. Invita aos asistentes a deixar de lado por un momento a reflexión e centrar o noso esforzo en expresarnos cos nosos corpos, a traballar bailando, movéndonos, andando, desinhibíndonos, gozando co ridículo e a nosa corporalidade.

Durante os días 23,24,26 e 27, rapaces de entre 7 e 9 anos poderán aprender e experimentar de primeira man o proceso de creación dun libro ilustrado e un cómic no taller de cómic e ilustración O globo vermello, dirixido polo debuxante Iván Suárez. Deste xeito, traballarán sobre a arte secuencial e sobre as posibilidades de contar unha historia con imaxes a partir da curta do francés Albert Lamorisse, O globo vermello.

Dende o día 31 de xullo ao 3 de agosto, o fotógrafo Miguel Calvo, introducirá a nenos de entre 10 e 12 anos no mundo da fotografía, remontándose as súas orixes e á tecnoloxía máis rudimentaria, creando particulares estampas sen axuda dunha cámara con lentes e entendendo a luz como xeradora de imaxes. Partindo de materiais de uso doméstico, fabricarán cámaras estenopeicas individualizadas e experimentarán con diferentes xeitos de positivado, revelando nun pequeno laboratorio fotográfico. Segundo o tema elixido a fotografar, escollerase o artefacto axeitado, facendo unha incursión nos diferentes xéneros: retrato, paisaxe, arquitectura, naturezas mortas e fotomontaxe surrealista. 

O último obradoiro, dedicado á creación musical e titulado Soños musicais, estará dirixido a nenos de 8 a 10 anos e coordinado por Saúl Cacharrón. Nel os pensamentos máis libres e inconscientes han servir de material para a creación e van a axudar a investigar parámetros do son como a altura, a duración, a intensidade ou o timbre. Farase ademais un achegamento á produción musical, empregando as novas tecnoloxías e os participantes, deseñarán finalmente o apartado sonoro da película Un perro galego.

Menús News node R

Colectivo

Tema