Román Rodríguez destaca a creación de máis de 1.000 m² novos no Instituto Eduardo Pondal para dar resposta ao crecemento demográfico da zona

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visitou o centro para comprobar o resultado das obras, nas que a Xunta investiu máis de 3 M€

Ademais de crear seis novas aulas de clase e outras instalacións, a intervención incluíu diversas melloras no edificio xa existente

A Xunta está a investir máis de 12 M€ na mellora dos centros da capital de Galicia ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con tres grandes intervencións

Xov, 10/09/2026 - 15:47
Román posando diante do instituto cun grupo de profesores

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de ampliación do Instituto Eduardo Pondal, nas que a Xunta investiu máis de 3 M€. Nunha visita ao centro, o titular do departamento educativo do Goberno galego destacou o compromiso do Goberno galego coa creación de prazas educativas alí onde se produce crecemento da poboación. Así mesmo, o conselleiro aproveitou a visita para compartir impresións sobre o inicio de curso co equipo directivo, que neste 2026/27 arranca con récord de docentes.

 

“Esta ampliación do Eduardo Pondal permitiunos, de feito, crear 1.000² novos no centro para dar resposta ás necesidades de escolarización dunha das zonas de maior crecemento da cidade”. As novas instalacións xa están en uso neste novo curso.

 

O novo volume distribuíuse en tres andares. Na planta baixa creáronse catro aulas, cunha saída nova ao espazo exterior; mentres que na primeira se sitúan as dúas aulas restantes e unha de tecnoloxía. O semisoto alberga a clase de música, o almacén e o sistema de telecomunicacións. A maiores, construíuse un espazo cuberto de 140 m² con comunicación directa á nova pista deportiva e un soportal con acceso á zona de patio, para facilitar a entrada e saída do centro, ampliando así os espazos cubertos do instituto

 

A intervención incluíu, así mesmo, melloras no edificio xa existente como a reforma dos aseos, a instalación dun baño accesible, a substitución da cuberta da aula de tecnoloxía e a redistribución de espazos. Tamén se ampliou a biblioteca, mudáronse as caldeiras de gasóleo por unhas novas de biomasa, elimináronse os estrados de madeira de varias aulas e acometéronse outras melloras no relativo á seguridade do centro, entre outras actuacións.

 

Máis de 12 M€ en Santiago

A Xunta está investir máis de 12 M€ na modernización e mellora dos centros de ensino da capital de Galicia ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, no que se enmarcou a ampliación do IES Eduardo Pondal. De feito, este verán estiveron en execución obras por importe de case 4 M€ nos centros composteláns, entre as que destacan a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 M€), o cambio de cuberta do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (672.000 €) e a ampliación do IES Lamas de Abade (case 1,4 M€).

 

A previsión é que as obras no Xelmírez II e no Rosalía de Castro estean finalizadas antes de que remate o ano, mentres que as do Lamas de Abade o estarán no primeiro trimestre de 2027.