A Xunta reforza o acordo coa Comisión Fulbright para dotar o sistema educativo de 43 auxiliares de conversa de alto perfil académico o próximo curso
O Consello autoriza o convenio coa entidade estadounidense a través do cal o Goberno galego financia o 87% do programa cunha aportación de 515.808 €
Educación traballa no deseño dunha vía alternativa para compensar a cota de auxiliares que ata o de agora seleccionaba o Ministerio e sufragaba Galicia, e que se viu obrigada a abandonar ante a falta de seguridade xurídica
O Goberno galego reafirma o compromiso coa aprendizaxe de idiomas con novas accións que se porán en marcha de cara ao curso que vén
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación da colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos (Comisión Fulbright) para dotar o sistema educativo galego de auxiliares de conversa estadounidenses de alto perfil académico. Serán un total de 43 persoas as que cheguen aos nosos colexios e institutos a través deste colaboración enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras EDULingüe 2030, e que a Xunta leva mantendo desde o ano 2016. De feito, desde ese curso, os auxiliares Fulbright multiplicáronse por case catro.
O importe para levar a cabo esta acción dirixida a impulsar a aprendizaxe de linguas estranxeiras nas aulas galegas ascende a 585.144€, dos que a Xunta de Galicia financia o 87%. Isto é, aporta un total de 515.808€, mentres que a Comisión Fulbright destina os 69.336 restantes. Ademais desta colaboración coa entidade estadounidense, co mesmo obxectivo, a Consellería de Educación está a ultimar tamén os convenios cos institutos Confucio (para auxiliares de conversa chinés) e Camoes (de portugués) coa previsión de que se incorporen como persoal de apoio á aprendizaxe de linguas nas aulas galegas.
Modelo alternativo ao acordo co Ministerio
Paralelamente, o departamento educativo do Goberno galego está traballando no deseño dun modelo alternativo de dotación de auxiliares de conversa que substitúa a vía vixente ata o de agora a través do Ministerio de Educación, logo de que a Xunta se vira obrigada a abandonalo debido á falta de seguridade xurídica do mesmo, que comporta multas millonarias para as comunidades autónomas.
Cómpre lembrar que os auxiliares de conversa que chegaban ata o de agora a Galicia pola vía de acordos de cooperación a través do Goberno central, facíano coas condicións establecidas polo Ministerio de Educación, que é quen marcaba os requisitos, seleccionaba os auxiliares e asignaba as prazas. Pola súa banda, o Goberno galego sempre cumpriu coas condicións fixadas desde o Ministerio e, ademais, facíase cargo da maior parte do custo do mesmo asumindo o 90% do seu financiamento (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).
Ante este contexto, e logo de que o Goberno central rexeitara o ofrecemento de Galicia de transferirlle fondos autonómicos para que fora o Ministerio o que xestionara directamente este auxiliares, a Xunta reafirma o seu compromiso coa aprendizaxe de linguas e, para tal fin, está ultimando novas vías de reforzo neste eido.