Un total de 27.775 alumnos beneficiáronse xa da matrícula gratuíta impulsada pola Xunta nas universidades e nas ensinanzas artísticas superiores
Esta medida, xunto coa conxelación de taxas por décimo sexto ano consecutivo, supoñen un aforro de case 20 M€ ás familias galegas cada curso
O Consello da Xunta aproba a aplicación destas accións o vindeiro curso, consolidando Galicia como a comunidade coa Universidade máis accesible
A nosa Comunidade foi pioneira en implantar a gratuidade desde a escola infantil ata os estudos superiores
Un total de 27.775 alumnos beneficiáronse xa, nos dous cursos que leva en marcha a medida, da matrícula gratuíta nas universidades públicas galegas e nas ensinanzas artísticas superiores, unha medida impulsada pola Xunta e que o Consello renovou hoxe para o vindeiro curso, o terceiro consecutivo. Tamén se aprobou conxelar un ano máis, e van 16, as taxas universitarias para o alumnado que non se poida beneficiar desta gratuidade.
Trátase das dúas accións principais promovidas polo Goberno galego para garantir o acceso aos estudos superiores en igualdade de oportunidades e que, en conxunto, aforran ás familias máis de 20 M€ cada curso. Deste xeito, Galicia consolídase como a comunidade autónoma coa Universidade máis accesible, dado que tamén conta cos prezos públicos de matrícula máis baixos do Estado, tanto en grao como en máster. Cómpre salientar, así mesmo, que a Xunta foi a administración autonómica pioneira en implantar a gratuidade desde a escola infantil ata os estudos superiores.
No caso da matrícula gratuíta, poden beneficiarse todos os estudantes de novo ingreso que superasen a fase obrigatoria da PAU en Galicia na convocatoria de 2026 ou un ciclo superior de FP en calquera centro galego. Tamén os de continuidade (segundo e sucesivos cursos) que no actual curso estean matriculados nunha universidade pública galega e aproben o 90% dos créditos nos graos das áreas de Humanidades e Xurídicas, o 80% dos créditos nos da área da Saúde e o 65% no caso das Enxeñarías e graos da área de Ciencias. Deste xeito, a iniciativa prima a excelencia do alumnado e promove a retención de talento na nosa comunidade.
Cifras por universidade
No que atinxe aos datos por universidades, 10.783 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, 7.771 da Universidade de Vigo e 8.136 da Universidade da Coruña. Esta cifra incrementarase unha vez as universidades realicen a revisión completa dos alumnos aos que se lles denegue por algún motivo a bolsa do Ministerio de Educación. No caso das ensinanzas artísticas superiores, beneficiáronse 1.085 alumnos. Ata o momento isto supuxo un aforro de máis de 15,6 M€ ás familias galegas.
Así mesmo, no Consello deuse luz verde á conxelación das taxas para o alumnado que non poida beneficiarse da matrícula gratuíta, que supoñen ao ano un aforro de máis de 11,7 M€ para os fogares galegos. É o décimo sexto ano consecutivo que a Xunta aplica esta política de contención de prezos. No caso do grao universitario, o prezo promedio da primeira matrícula mantense en 11,89€/crédito (o segundo máis barato do Estado tras Canarias), 3,22€ menos por crédito ca media estatal.
O prezo promedio é en Galicia o mesmo para os máster, sexan habilitantes ou non. Deste xeito, un alumno que estude un máster habilitante en Galicia aboa 3,81€ de media menos por crédito. Nas titulacións non habilitantes a diferenza increméntase ata os 14,34€ de media por crédito.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia compensa ás universidades públicas por esta baixada de ingresos a través do Plan de financiamento universitario ou de libramentos de crédito específicos.