Román Rodríguez sinala o novo Plan de atención á diversidade como o impulso definitivo da Xunta a un ensino totalmente personalizado e inclusivo
O conselleiro presentou a folla de ruta dotada con 118 M€ a medio centenar de asociacións e entidades centradas no apoio ao alumnado con necesidades especiais
Supón o reforzo e consolidación de 400 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Orientación tanto en Primaria como en Secundaria
Súmase á ponderación por dous ou por tres deste alumnado á hora de conformar grupos nunhas ratios que se están a reducir de xeito progresivo
Todas estas medidas están incorporadas ao Acordo de mellora do ensino asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF
O paquete de melloras complétase con máis formación específica para os profesionais, redución da burocracia e revisión da normativa, entre outros
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe o novo Plan de atención á diversidade, dotado con 118 M€, como o impulso definitivo da Xunta “a un ensino totalmente personalizado e inclusivo, no que se atenden as necesidades especiais de cada alumno ao tempo que se procura a súa plena integración co resto dos compañeiros da aula e se fomenta ao máximo o desenvolvemento das súas capacidades”.
O titular do departamento educativo do Goberno galego presentou esta folla de ruta a medio centenar de asociacións e entidades centradas no apoio e asistencia a alumnado con discapacidade e necesidades especiais. Acompañado polos directores xerais de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, o conselleiro lembroulles que o plan vai facilitar o reforzo e consolidación de 400 profesionais dedicados á atención á diversidade, entre especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe e Orientación.
“Con este plan melloramos e intensificamos o apoio e avanzamos na personalización da atención educativa desde as etapas máis temperás ata o instituto”, detallou Román Rodríguez, sinalando que o primeiro paso é a modificación dos catálogos de persoal dos centros de Infantil e Primaria, flexibilizando os criterios para acceder a especialistas de PT e AL. Isto suporá que os postos de 150 docentes destas especialidades, que estaban de maneira provisional en diferentes centros, se consoliden no cadro de persoal. Pola súa banda, no caso da ESO, contrataranse un total de 200 especialistas en Pedagoxía Terapéutica (100 xa o vindeiro curso e 100 máis o seguinte), así como 50 orientadores.
Esta mellora na dotación de recursos humanos súmase á redución progresiva de ratios que se está a introducir de xeito progresivo nas aulas galegas e á ponderación por dous e por tres no cómputo de alumnos á hora de conformar grupos, algo que tamén leva aparellado reforzos, unha medida pioneira impulsada pola Xunta de Galicia. Ambas iniciativas forman parte do Acordo de melloras do ensino asinado en 2023 entre a Consellería de Educación e varias organizacións sindicais cuxo alcance foi ampliado o pasado venres a través dunha addenda pactada con CCOO, ANPE, UGT e CSIF.
Unha prioridade de Goberno
Román Rodríguez reiterou que para o Goberno galego “é unha prioridade que todos os alumnos que están no sistema estean en igualdade de oportunidades para acadar os mellores resultados”. “Isto supón apoiar máis a quen máis o necesita e facelo tanto nos centros ordinarios como nos de Educación Especial”, lembrou.
A este respecto, o conselleiro sinalou que Galicia é a comunidade líder en integración de alumnado con necesidades especiais, co 94,2% dos casos, fronte ao 85,7% de media do Estado. Isto é así porque as propias familias o deciden, pois o modelo galego facilita que cada un aposte por aquela modalidade que máis se adapte ás súas necesidades, optando así por un modelo á carta no que é posible acudir ao ensino ordinario, ao combinado (ben en dous centros distintos ou no propio) e aos centros específicos de Educación Especial.
Nova ferramenta GaliOrienta
O novo plan complétase cun paquete de iniciativas de formación específica para os orientadores que se incorporan por primeira vez ao sistema, incidindo ademais na importancia da actualización constante dos coñecementos destes docentes ao longo de toda a súa carreira profesional.
De forma parella, revisarase a burocracia relacionada cos departamentos de Orientación de tal forma que, co emprego das ferramentas de intelixencia artificial, se simplifiquen tarefas. En concreto, a través de EdugalIA, o proxecto de intelixencia artificial aplicada á xestión educativa, vaise desenvolver a ferramenta GaliOrienta para a optimización das tarefas de xestión destes departamentos. Tamén se avanzará na dixitalización dos distintos trámites e asignaranse credenciais de identificación dixital para que a xestión dos procesos sexa máis áxil e sinxela.
A maiores, revisarase o marco normativo vencellado á atención á diversidade co obxectivo de detectar posibles puntos que sexa necesario actualizar para adaptalos á realidade actual nun eido que está en constante cambio.