A Xunta destina máis de un millón de euros á contratación de 45 científicos nas universidades cos programas Ramón y Cajal y Juan de la Cierva
A Consellería de Ciencia asinarán convenios coas tres universidades públicas para asumir os gastos de incorporación a tempo completo destes investigadores
Estes acordos permitirán contratar 27 investigadores na Universidade de Santiago, 11 na Universidade de Vigo e sete na Universidade da Coruña
Captar, reter e atraer talento investigador é un dos obxectivos do Goberno galego e desde 2014 beneficiáronse destas liñas de axudas un total de 388 científicos
O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas para o cofinanciamento da contratación de 45 científicos cos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva. A Xunta destinará un total de 1.230.000€ á Universidade de Santiago de Compostela, á Universidade da Coruña e á Universidade de Vigo para que estes investigadores desenvolvan a súa actividade en Galicia nos próximos anos, facilitando así que non supoña custo adicional para as arcas dos organismos universitarios.
Deste xeito, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP cofinanciará a contratación de 30 científicos cunha traxectoria destacada e alto potencial investigador, beneficiarios do subprograma estatal Ramón y Cajal e outros 15 investigadores do programa estatal Juan de la Cierva. Grazas ao apoio da Xunta, as universidades públicas poderán contratar os candidatos seleccionados a tempo completo durante os anos que duren estes programas e coas condicións establecidas nos mesmos. Serán 27 investigadores contratados para a USC, 11 para a UVigo e sete para a UDC. A finalidade destas axudas é incentivar ás universidades galegas para que se presenten ás convocatorias ao saber que non teñen que achegar partidas para as contratacións.
Estas liñas de axudas da Xunta súmanse a outras iniciativas da Xunta, a través do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, para captar, reter e atraer talento investigador excelente, como o programa Oportunius, as axudas para grupos de referencia competitiva e potencial crecemento ou a Fundación Galtia, entre outros.
Programa Ramón y Cajal
O obxectivo das axudas Ramón y Cajal é promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada e brillante en centros de I+D+i. Ao abeiro do convenio autorizado hoxe, o Goberno galego destina un total de 1.080.000€ a financiar a contratación de 30 investigadores deste programa por parte das tres universidades públicas galegas durante cinco anos. Son 18 científicos da USC, nove da UVigo e tres da UDC. O programa Ramón y Cajal é un dos máis competitivos de Europa, acollendo a destacados investigadores que pasaron parte da súa carreira no estranxeiro.
A Consellería de Educación paga os custos de persoal que non ten financiamento na convocatoria estatal para que a súa contratación non lle supoña gasto ningún ás universidades. O acordo abrangue todo o período de vixencia do contrato (os cinco anos) cunha contía por contrato de 36.000€, a razón de 6.000€ ao ano por persoa contratada durante os tres primeiros anos e 9.000€ ao ano durante os dous seguintes.
Programa Juan de la Cierva
Pola súa banda, o Executivo galego tamén financia con 150.000€ a captación do talento de 15 investigadores a través do programa Juan de la Cierva na modalidade de formación. Concretamente, desenvolverán a súa actividade na USC nove científicos, catro na UDC e dous na UVigo.
A Consellería paga os custos de persoal que non ten financiamento público por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para que tampouco lle supoña gasto ningún ás universidades galegas. Neste caso, os contratos Juan de la Cierva teñen unha duración de dous anos e a Xunta aboará 5.000€ por contrato ao ano. A finalidade é fomentar a contratación de mozos doutores por un periodo de dous anos para que completen a súa formación investigadora posdoutoral en centros de I+D+i.
Desde 2014
Estas liñas de axudas da Xunta para contribuír á financiación de investigadores nas universidades galegas están activas desde 2014. Desde entón, beneficiáronse das mesmas 388 investigadores: 217 Ramón y Cajal e 171 Juan de la Cierva. A Xunta afianza así o seu compromiso de dar oportunidades no ecosistema investigador galego a científicos que inician a súa traxectoria e a profesionais excelentes en liña cos obxectivos de reforzar a nosa I+G+i.