A Xunta e o Instituto Camões avalían a súa colaboración para reforzar o ensino de portugués en Galicia

O conselleiro Román Rodríguez reúnese en Lisboa coa presidenta da entidade, Florbela Paraíba para abordar o avance de iniciativas como Escolas de Fronteiras

Tamén fan balance do funcionamento do programa que facilita que o alumnado galego obteña de balde a acreditación das súas competencias en portugués

Case 6.500 estudantes galegos cursan esta lingua en case un cento de centros

Ven, 15/05/2026 - 14:09
Román posando cunha representante de Portugal

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de reunirse en Lisboa coa presidenta do Instituto Camões, Florbela Paraíba, para afondar na colaboración entre Galicia e Portugal e reforzar así os vínculos educativos no marco da lusofonía. Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de avanzar no desenvolvemento de iniciativas como as Escolas de Fronteiras, ademais de facer balance do programa polo que a Xunta facilita que o alumnado que cursa portugués en Galicia acredite as súas competencias de balde.

Escolas de Fronteiras, iniciativa que promove a educación intercultural e bilingüe nos centros situados na zona fronteiriza entre España e Portugal, conta este curso coa participación de 712 alumnos de Educación Primaria e 46 docentes de 10 centros de ensino da nosa Comunidade. O conselleiro e a presidenta do Camões coincidiron no interese do programa, que se desenvolve desde o curso 2023/24, e que permite realizar proxectos bilaterais entre escolares dos dous países. Estes traballos poranse en común nun evento final conxunto que se celebrará os días 1 e 2 de xuño en Zamora.

Así mesmo, ambas as partes valoraron de xeito moi positivo o funcionamento do programa a través do que o Goberno galego facilita que os alumnos de 4º de ESO e 2º de Bacharelato obteñan a certificación do seu nivel de portugués de balde a través probas Camões Junior para certificar o seu nivel de competencias nesta lingua. Este curso realizarán estas probas, vía electrónica, 376 estudantes co fin de acadar a acreditación dos niveis A1, A2, B1 ou B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Nese senso, Galicia conta este curso con case 6.500 alumnos matriculados en materias de lingua portuguesa en case un cento de centros educativos. Ademais, sete centros de ensino contan con seccións bilingües neste idioma e hai un total de 13 auxiliares de conversa nativos para o apoio ao ensino do mesmo, ademais de tres docentes portuguesas ao abeiro dun convenio asinado co propio Instituto Camões.