A Xunta e a Federación Galega de Baloncesto impulsan esta práctica deportiva nos centros educativos galegos
O Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o presidente da entidade asinan un acordo para o fomento da modalidade de baloncesto 3x3
A Xunta de Galicia e maila Federación Galega de Baloncesto colaborarán no impulso desta práctica deportiva nos centros educativos galegos, tal e como se reflicte no convenio asinado hoxe entre o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente da entidade deportiva, Julio Bernárdez.
O obxectivo do acordo, que non leva aparelladas obrigas económicas para ningunha das partes, é fomentar a práctica do baloncesto 3x3 (ou tres contra tres). Trátase dunha modalidade máis dinámica e simplificada que o baloncesto tradicional, pero igualmente recoñecida, na que participan dous equipos de tres xogadores cada un máis un suplente, e se emprega media cancha e unha única canastra.
Segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez, esta iniciativa permite achegar o deporte a un maior número de estudantes, sobre todo en centros do rural con poucos alumnos ou mesmo naqueles que dispoñen de menos espazo. Así mesmo, destacou a importancia de fomentar os hábitos saudables a través do deporte desde idades temperás nos centros educativos, posto que o deporte escolar contribúe ao desenvolvemento físico, social e emocional do alumnado, así como á mellora da convivencia, o traballo en equipo e a inclusión.
Ao abeiro do acordo, a Federación Galega de Baloncesto achegará o material deportivo e didáctico para a práctica deste deporte e ofrecerá apoio e asesoramento técnico especializado aos centros educativos que participen na convocatoria para tal fin. A Consellería de Educación comprométese a difundir a iniciativa entre os colexios e seleccionar os centros participantes.