Román Rodríguez chama á sociedade galega a persistir unida na tolerancia cero contra o acoso escolar

O conselleiro de Educación participa no Instituto de Cacheiras, no concello de Teo, no acto conmemorativo da Xunta de Galicia polo Día Internacional Contra o Acoso Escolar

O artista Mon Devane inaugura o seu segundo mural deseñado para sensibilizar á mocidade sobre a importancia de erradicar actitudes contrarias á convivencia

Asínanse as primeiras adhesións á nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, na que estarán Teo, Ames, Boqueixón, Brión, A Estrada, Val do Dubra e Vedra

Represéntase por parte do alumnado a obra ‘Pasando a bola’, ideada para reflexionar sobre esta problemática e propoñer solucións e cambios de comportamento

Sáb, 02/05/2026 - 16:10
DiaAcosoEscolar

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, chamou hoxe á sociedade galega a “perseverar unida nunha mensaxe inequívoca e contundente” de tolerancia cero contra o acoso escolar. Fíxoo desde o Instituto Cacheiras, no concello de Teo, onde participou no acto conmemorativo que a Xunta de Galicia organiza con motivo do Día Internacional Contra o Acoso Escolar.

Co gallo desta celebración, leváronse a cabo unha serie de iniciativas neste centro, que destaca polas súas accións en materia de boa convivencia. Así inaugurouse un mural conmemorativo realizado para a ocasión polo artista urbano Mon Devane; asináronse as primeiras adhesións á Rede de Concellos Contra o Acoso Escolar por parte de municipios da área de Santiago, e representouse unha obra de teatro por parte do alumnado.

“Tolerancia cero fronte aos abusóns e calquera forma de acoso físico, psicolóxico ou da índole que sexa”, declarou o conselleiro, quen lembrou que, mentres exista un só caso, “cómpre actuar en bloque como sociedade, sen dar oportunidade a que estas situacións se produzan e, de producirse, sen permitir que queden silenciadas e impunes”.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, lembrou que o Goberno galego, a través do Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso, vén poñendo en marcha numerosas medidas para avanzar en materia de sensibilización, prevención, actuación e tratamento na nosa Comunidade.

Sensibilización e prevención no alumnado

Precisamente, no eido da difusión, por segundo ano consecutivo cóntase coa colaboración de Mon Devane, a quen agradeceu o seu compromiso público contra o acoso escolar. Se o ano pasado pintou o mural A Bolboreta branca, esta vez a imaxe protagonista da xornada é O Bidueiro que, en palabras do autor, “concentra unha simboloxía vinculada ao inicio e á transformación”. “É unha árbore capaz de medrar en terreos abertos ou degradados, polo que se asocia aos novos comezos e á posibilidade de reconstrución, e que se vincula con etapas como a infancia e a adolescencia, onde a identidade aínda se está a construír. En síntese, simboliza o que comeza e precisa ser coidado para desenvolverse”, detalla.

O mural, que protagoniza a campaña institucional da Xunta con motivo deste 2 de maio, quedará instalada no Instituto de Cacheiras en recoñecemento ao seu traballo neste eido. Así o acreditan dous galardóns da Consellería cos que vén de ser recoñecido: o Premio ConVivimos e o Premio Tolerancia Cero contra o Acoso Escolar, “o que evidencia a súa capacidade para combater esta lacra e o seu bo facer, que demostra no fomento dunha convivencia escolar positivo e segura”, manifestou o conselleiro de Educación.

No acto celebrado en Teo, levouse a cabo tamén a representación teatral da obra Pasando a bola, xogando para cambiar, unha peza ideada polo grupo A Xanela do Maxín e interpretada polos propios estudantes que pon en escena situacións de acoso escolar e que fai reflexionar ao alumnado e propoñer como cambiar actitudes contrarias.

Rede de Concellos contra o Acoso Escolar

Finalmente, levouse a cabo a sinatura das primeiras adhesións á nova Rede de Concellos Contra o Acoso Escolar, unha iniciativa conxunta da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar mellor os recursos contra esta problemática escolar. Así, únense xa varios concellos da área de Santiago de Compostela, cuxos alcaldes participaron no acto. En concreto, Lucía Calvo, alcaldesa de Teo; Blas García, de Ames; Ovidio Rodeiro, de Boqueixón; Pablo Lago, de Brión; Gonzalo Louzao, da Estrada; Diego Luis Díaz, do Val do Dubra, e Carlos Martínez, alcalde de Vedra.

A rede centrará a súa actuación en catro eixos principais: a sensibilización, a prevención, a formación e a denuncia. A través dela, poderán artellarse recursos entre a Administración autonómica e as entidades locais, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva ante posibles casos de acoso escolar.

Posibilitará establecer un seguimento sistemático e continuado destas situacións, incorporando unha perspectiva territorial que garanta a implicación activa de todos os actores responsables a nivel local mediante os servizos que prestan os concellos.

Medidas en marcha a prol da convivencia

Nos últimos anos, o Goberno galego está a intensificar as actuacións a prol da boa convivencia nos centros educativos, onde as macroenquisas realizadas de xeito bianual constatan, en xeral, un bo clima. Faino a través dun amplo abano de iniciativas do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar como a actualización do Protocolo para a prevención, detección e tratamento dos posibles casos, a instalación de Puntos Laranxa de denuncia, a creación dos chamados Equipos ACAE, integrados por profesorado para intervir ante a mínima sospeita; o lanzamento do Termómetro de Alerta Escolar, que os centros poden activar en calquera momento para detectar posibles problemas, ou a posta en marcha da propia  Rede de Concellos contra o Acoso Escolar. Nesta mesma liña, tamén se está intensificando actualmente a colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia.