A Xunta inaugura un laboratorio avanzado de Ciberseguridade para mellorar a formación do alumnado de FP

O conselleiro de Educación, acompañado polo director da Amtega e a directora xeral de FP, participa na presentación de CiberLabFP no Centro Eduardo Barreiros de Ourense

O conselleiro destaca o papel deste espazo para mellorar a empregabilidade do alumnado e mellorar a seguridade do tecido produtivo

Lembra que este ámbito é, precisamente, un dos eixos prioritarios do Plan Innova FP Galicia 26-30, con accións como o incremento da oferta formativa neste eido

Ademais do laboratorio central en Ourense, conta cunha estación móbil que permite levar as súas funcionalidades a centros de toda Galicia

Esta infraestrutura é froito do traballo dun grupo multidisciplinar de docentes de FP e expertos de diversas entidades

Xov, 30/04/2026 - 14:00
CiberLab

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou en Ourense as novas instalacións de CiberLabFP, o novo Laboratorio Avanzado de Ciberseguridade da FP situado no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nun acto no que estivo acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou esta nova dotación como “unha infraestrutura estratéxica orientada á formación avanzada e á innovación aplicada nun eido fundamental no contexto tecnolóxico actual”.

Neste sentido, lembrou que no recente congreso FP Innova tivo un especial peso a abordaxe da formación docente neste eido. “Estamos a traballar para que tanto profesores como alumnos adquiran as competencias precisas para contar cunha cultura de seguridade dixital sólida que lles facilite previr incidentes e protexerse a si mesmos e á información que manexan”, explicou o conselleiro.

O conselleiro salientou, ademais, que este laboratorio “permite achegar a formación ás necesidades reais das empresas nun ámbito estratéxico cada vez máis demandado”. A este respecto, incidiu en que a nova dotación vai redundar “en profesionais mellor cualificados, con máis oportunidades no mercado laboral, e que van poder trasladar este coñecemento ás empresas nas que traballen e, polo tanto, incrementar a ciberseguridade no tecido produtivo galego”.

Román Rodríguez sinalou que, precisamente, a ciberseguridade é un dos eixos prioritarios do Plan Innova FP Galicia 26-30, que a Xunta vén de aprobar cun orzamento de 30 M€. Ao seu abeiro desenvolveranse accións como este laboratorio, o despregamento de oferta formativa especializada neste eido por toda a xeografía galega ou o lanzamento dunha competición, Desafío CiberLabFP, para fomentar a aprendizaxe práctica mediante retos técnicos reais propostos aos alumnos.

O conselleiro puxo en valor, así mesmo o papel do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros no desenvolvemento deste plan, “co que imos dar o pulo definitivo á innovación e á investigación aplicada na FP, aliñándoa cos obxectivos estratéxicos da I+G+i galega”.

Funcionalidades

CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas antes da súa implantación. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar esta tecnoloxía a centros educativos de toda Galicia, así como realizar demostracións para empresas ou en feiras.

O laboratorio nace ao abeiro do convenio entre a Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dentro do programa RETECH. A súa posta en marcha é froito do traballo dun grupo multidisciplinar de profesorado de FP e expertos procedentes de entidades como Telefónica, Siemens ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.