A Xunta reforza a orientación educativa coa Feira das Profesións de Ames

Mér, 29/04/2026 - 11:20
Alumnas de ciclos nun posto expositor da Feira

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe a Feira das Profesións de Ames, unha iniciativa que impulsa a orientación académica do alumnado e que se enmarca no programa Galicia Educa da Xunta de Galicia. Este calendario inclúe 16 feiras distribuídas por toda a Comunidade co obxectivo de achegar as distintas opcións formativas, especialmente no ámbito da FP, e facilitar así unha elección informada do futuro académico e profesional.

 

Durante a súa visita, Eugenia Pérez destacou o compromiso do Goberno galego coa promoción da Formación Profesional como unha vía clave de acceso ao emprego. Ademais, puxo en valor a colaboración entre centros educativos e empresas, subliñando a importancia de adaptar a formación ás necesidades reais do mercado laboral. Ao longo da xornada máis de 1.600 persoas visitan a feira, que conta con 64 expositores e un amplo programa de actividades, incluíndo charlas sobre cuestións como a acreditación de competencias profesionais e as tendencias educativas actuais.