A Xunta dota ao CIFP Audiovisual de Vigo dun novo espazo de tecnoloxía aplicada para impulsar a I+D+i na FP
A directora xeral, Eugenia Pérez, participa na inauguración do espazo e salienta o novo Plan Innova FP Galicia, ao abeiro do que se dá pulo a esta liña de actuación
O obxectivo da aula, que conta cun investimento da Xunta de 55.000 € é mellorar a formación do alumnado, con tecnoloxías adaptadas ás necesidades da industria
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou hoxe o novo espazo de tecnoloxía aplicada do Centro Integrado de FP Audiovisual de Vigo como unha oportunidade para impulsar a I+D+i desde estas ensinanzas. Fíxoo na inauguración desta aula, pola que felicitou ao centro vigués, salientando o papel principal dos centros integrados de FP no desenvolvemento de proxectos de innovación e investigación aplicada.
Baixo o nome Rede Educativa Audiovisual Galega, a nova aula do centro vigués foi ideada e coordinada polo profesor Ignacio Fernández Canal e conta cun investimento da Xunta de 55.000€. O espazo está concibido para impulsar a innovación educativa, a incorporación de novas tecnoloxías ao proceso de ensino-aprendizaxe e a mellora da formación do alumnado en contornos adaptados ás necesidades actuais da industria audiovisual. Para iso, incorpora a tecnoloxía máis punteira xerando un espazo de traballo totalmente profesional que combina realización, produción, son e plató, convertendo o centro nun verdadeiro referente no ámbito audiovisual
Este tipo de iniciativas representan un avance en infraestruturas e equipamento dos centros, ao tempo que son un recoñecemento ao esforzo compartido por seguir fortalecendo unha FP moderna, conectada coa realidade e orientada ao futuro.
“Desde a Xunta, a través do novo Plan Innova FP Galicia, imos dar un novo pulo a esta liña de investigación, cun investimento total de 30 M€ e accións como a creación dunha Rede de Centros de Innovación Avanzada na FP galega”, dixo a representante da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades. Así mesmo, sinalou que o novo plan suporá a creación de 50 espazos de tecnoloxía avanzada, “que supoñen un paso máis na actual rede de 115 de espazos de tecnoloxía aplicada que hai nos centros, como o que hoxe inauguramos neste CIFP Audiovisual”, incidiu.