Rueda destaca que a Xunta aproba novas axudas para blindar o apoio ás familias con fillos en idade escolar no vindeiro inicio do curso
Defende un sistema de achegas en función da renda para apoiar máis a quen máis o necesita
Anuncia que o Consello deu luz verde a destinar 17 M€ ás axudas á compra de libros e material para o ano académico 2026/27, que se suman ao préstamo de manuais a través do fondo solidario
Por segundo ano consecutivo poderá acceder a este fondo tamén o alumnado que estude en centros E-Dixgal, o que consolida o modelo híbrido de aprendizaxe
Sete de cada dez alumnos de ensinanzas obrigatorias conta con algún tipo de apoio para material e libros
O Goberno galego introduciu tamén unha nova dedución fiscal para os fogares que non se benefician das axudas
Esta primavera convocaranse, a maiores, as novas axudas ás familias que empregan comedores non xestionados pola Xunta en centros sostidos con fondos públicos
Estas medidas supoñen un aforro de arredor de 26,5 M€ para as nais e pais, que se complementa co apoio indirecto que supón a matrícula de balde en todas as etapas
Mantéñense as contías dos vales para mercar cadernos, bolígrafos e todo tipo de material, de 75 e 60€, así como para libros, que van desde os 160 aos 270 €
Todo o alumnado de educación especial, así como aquel que teña necesidades específicas de apoio e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% recibirá 300 € para mercar libros ou material específico e complementario que precise
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Goberno autonómico “un ano máis seguirá blindando o apoio ás familias con nenos e nenas en idade escolar” cun paquete de axudas en función da renda para “apoiar a quen máis o necesita”.
Deste xeito, a Xunta habilita novas achegas á compra de libros e material, o préstamo de manuais a través do fondo solidario e unha dedución fiscal para os fogares que, polo seu nivel de renda, non se benefician das dúas anteriores. A maiores, esta primavera convocaranse as novas axudas ás familias que empregan comedores non xestionados pola Xunta en centros sostidos con fondos públicos, as cales ata o momento non accedían a ningún tipo de bolsa.
Só estas medidas supoñen un aforro para as familias galegas de arredor de 26,5 M€, que se complementa con outros apoios indirectos cun claro impacto na volta ás clases, como a matrícula gratuíta en todas as etapas, desde a escola infantil á universidade.
Nesta liña, Rueda anunciou que o Consello aprobou hoxe “destinar algo máis de 17 millóns de euros a axudas para adquirir libros de texto ou material escolar” a través de tres liñas de actuación: os vales para mercar material, as axudas para a compra de libros e o fondo solidario para prestar os manuais que se poden reutilizar, que por segundo ano consecutivo tamén o poderán utilizar os alumnos que participen en E-Dixgal, o que reforza o modelo híbrido.
A través desta convocatoria, que se organiza en función do nivel de renda, todas as familias que cumpran cos requisitos terán cubertos de balde os libros e o material que precisen para os seus fillos e fillas, case na súa totalidade, apoiando máis a quen máis o necesita para garantir a igualdade de oportunidades. Os fogares que non cumpran cos requisitos de renda poderán beneficiarse da dedución fiscal. Cómpre lembrar que, para obter este beneficio, os pagamentos non poderán facerse en diñeiro en efectivo.
No actual curso, 166.449 alumnos tiveron libros de balde a través do fondo, das axudas para a compra de manuais ou do programa de libro electrónico, o que supón o 70 % do alumnado das etapas obrigatorias. Deles, 122.950 accederon tamén a vales de material.
Vales para material
No que atinxe aos vales para material, o presidente sinalou que están dirixidos a todas as familias con “renda per cápita igual ou inferior aos 10.000 €”. Mantéñense dúas categorías. Na primeira, para rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000 €, o vale é de 75 €. A segunda comprende as rendas superiores a 6.000 € e iguais ou inferiores a 10.000 €, cun vale de 60 € por alumno.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % será beneficiario desta axuda polo importe máximo de 75 €, con independencia da renda.
Fondo de libros
O alumnado de todos os cursos en que os manuais se poden reutilizar, isto é, entre 3º de primaria e 4º da ESO, poderá acceder ao fondo de libros, incluídos os participantes no programa E-Dixgal. A través del, poderán ter acceso ata a seis manuais en función do nivel de renda. Tanto para acceder ao fondo como para recibir as axudas de libros e material é requisito fundamental devolver os libros do curso anterior. Ademais, nos casos en que o centro deba adquirir algún libro adicional por non seren suficientes os existentes no fondo, o Goberno galego aboa por cada un 40 € en Primaria e 45 € na ESO.
Nesta ocasión, e ao igual que no curso anterior, non é preciso facer unha remuda ampla de libros, como si foi necesario nos cursos 2022/23 e 2023/24 por mor da implantación dos novos contidos debido á entrada en vigor da lei educativa estatal, que mudou os manuais. Aínda así, o fondo solidario contará con máis de 510.000 manuais para o alumnado.
Axudas para adquirir libros
No referido ás axudas á compra de libros de texto, mantense invariable o seu funcionamento xeral, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento de cursos anteriores, de entre 20 € e 30 € en función da renda familiar.
No caso do alumnado de 1º e 2º de primaria (non incluídos no fondo porque os libros non son reutilizables), así como para o resto dos cursos de ensino obrigatorio que non poidan empregar libros do fondo, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000 €) é de 240 € e a do segundo (renda superior a 6.000 € e igual ou inferior a 10.000 €) é de 160€, en primaria. No caso da ESO, os importes sitúanse en 270 € no primeiro tramo en 180 € no segundo.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta recibe o importe do primeiro tramo, con independencia da renda, é dicir, 240 € en primaria e 270 € na ESO.
As axudas serán de 300 € para todos os alumnos e alumnas matriculados en educación especial –en centros específicos ou en unidades dentro de centros ordinarios–, así como para os de primaria ou da ESO que, tendo necesidades específicas de apoio educativo e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, non poidan utilizar os libros de texto do fondo. Percibirán este importe con independencia da renda per cápita da unidade familiar.