Galicia acadará este ano 31 investigadores Oportunius grazas á contratación de seis novos

Os 25 científicos contratados pola Xunta ata agora traballan en centros de investigación das tres universidades públicas galegas

O Goberno galego suma unha achega de 27,6 M€ a este programa para propiciar un retorno total estimado de 150 M€, o que supón multiplicar por cinco o investimento

Trátase dunha iniciativa de éxito para atraer, recuperar e reter talento científico do máis alto nivel, con profesionais cunha axuda do ERC, os máis prestixiosos de Europa

Os grupos de investigadores apoiados por este programa en Galicia xeraron 291 postos de traballo para persoal investigador e de xestión

Por primeira vez, a Xunta participará nunha empresa creada por un investigador Oportunius para comercializar os resultados do traballo de Javier Montenegro

Lun, 27/04/2026 - 16:23
Dous técnicos en bata traballando nunha mesa do laboratorio

Galicia chegará este ano aos 31 investigadores Oportunius grazas á convocatoria de seis novas prazas que se publicarán esta semana. A Comunidade galega afianza así o seu compromiso de dar oportunidades a científicos de alto nivel para que traballen desde aquí e contribúan a reforzar a nosa I+G+i. Nesta aposta por crear un ecosistema galego investigador de excelencia, o programa Oportunius é clave para xerar, atraer, recuperar e reter talento aos nosos centros de investigación e para a captación de fondos do Consello Europeo de Investigación (ERC), pois todos os investigadores contratados reciben axudas deste órgano, que son as de maior prestixio no ámbito comunitario.

 

Este ano, o investimento da Xunta en Oportunius ascenderá a 6,2 M€, o que permitirá, entre outros obxectivos, a formalización de seis novos contratos para científicos en centros de investigación galegos. Desde a súa posta en marcha en 2014, a inversión total é de 27,6 M€. Unha vez realizadas as incorporacións, o retorno previsto para todo o período é de 150 M€, o que supón multiplicar por máis de cinco o orzamento público achegado. Ademais, os grupos dos investigadores apoiados a través do programa Oportunius xeraron 291 postos de traballo para persoal investigador e de xestión.

 

Desde o seu inicio, o programa Oportunius é fundamental na estratexia da Xunta no ámbito da investigación, co obxectivo de que científicos galegos, doutras comunidades autónomas e doutros países escollan Galicia para consolidar unha traxectoria científica excelente, apostando por unha contorna profesional atractiva e calidade de vida.

 

Dos 25 contratos realizados ata o momento, 11, é dicir, o 44%, permitiron reter en Galicia a investigadores que poderían marchar a outros destinos e que, deste xeito, continuarán a súa traxectoria científica de excelencia na Comunidade. De feito, desde o inicio de Oportunius Galicia non perdeu ningún investigador ERC. Sete (28%) corresponden a profesionais que marcharan previamente e que, grazas a Oportunius, decidiron retornar a Galicia. Finalmente, outros sete científicos (28%) optaron por trasladarse a traballar e vivir á nosa terra grazas á consecución dun contrato Oportunius. A cifra total chegará a 31 nos próximos meses, unha vez que se realicen as seis novas contratacións.

 

Centros e liñas de investigación

Os 25 contratos de Persoal Investigador Distinguido intégranse en centros universitarios, 20 deles en centros da Rede CIGUS. Por universidades, 18 fan o seu labor en centros da Universidade de Santiago de Compostela (nove no CiQUS, catro no CiMUS, un no CiTIUS, un no IGFAE, un no CRETUS, un no IDEGA e un no iTERRA), catro en centros da Universidade da Coruña (dous no CICA e dous no CITENI) e dous na Universidade de Vigo (no CIM). Un máis forma parte do CISPAC, un centro interuniversitario compartido entre as tres universidades públicas da Comunidade.

 

Os investigadores contratados despuntan en proxectos referentes en nanotecnoloxía, ciencia de polímeros, física de partículas, química orgánica, electrónica molecular, biofabricación, radioterapia, bioloxía molecular, bioxeografía, bioloxía evolutiva ou paleontoloxía. Outras disciplinas nas que destacan son xenética do cancro, resistencia a enfermidades, pesca sostible, antropoloxía médica, lingüística e relixiosa, economía circular, materiais intelixentes, novos materiais, ciencias da computación ou prehistoria.

 

Todos eles reciben apoio da Xunta durante os cinco ou seis anos de vixencia da axuda, por importes de 80.000 €, 65.000 € ou 50.000 € ao ano en función do seu nivel. Ademais, este apoio continúa unha vez que finaliza a axuda de ERC. Durante un período de ata catro anos, poden continuar recibindo unha achega autonómica de 50.000 €/ano.

 

Transferencia de resultados de I+D+i

As actividades de transferencia do persoal contratado a través de Oportunius conseguiu xerar un total de 5,2 M€, dos que 4,1 M€ (cerca do 80%) corresponden ao desenvolvemento de oito proxectos de valorización para escalar os resultados obtidos no laboratorio e explotalos mediante licenzas, creación de spin-offs ou outras vías. Cinco destes proxectos reciben apoio do programa Ignicia da Xunta. Destacan especialmente MEDICs, dirixido por José Luis Mascareñas, e TraffikGene, liderado por Javier Montenegro, que posteriormente obtiveron axudas EIC Transition do Consello Europeo de Innovación, un programa altamente competitivo. No caso de TraffikGene o proxecto dará lugar a unha empresa na que, por primeira vez, a Xunta participará para comercializar os resultados froito do labor investigador.

 

Apoio na presentación de candidaturas

Ademais da contratación destes 25 profesionais como Persoal Investigador Distinguido, o programa Oportunius conta con numerosas liñas de acción para favorecer a carreira investigadora. Así, por exemplo, asesórase a profesionais que queren optar a axudas ERC. En total, desde que comezaran as axudas ERC en 2007, Galicia suma 44 gañadores que desenvolven 55 proxectos. Dentro desta cifra de 44 intégranse os 25 xa referidos.

 

Aínda que a maior parte dos ERC optan por asinar un contrato de Persoal Investigador Distinguido, aqueles que non o fan tamén poden recibir un complemento retributivo de entre 5.000 e 8.000 €/ano se deciden desenvolver a súa investigación en Galicia.

 

Grazas a esta ampla estratexia de acompañamento, Galicia sitúase na sexta posición das comunidades autónomas en número de proxectos ERC liderados e fondos captados, só por detrás de Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, País Vasco e Andalucía. Ademais, en canto ao éxito das candidaturas presentadas, Galicia colócase en terceira posición estatal, cunha taxa do 11,3%, só por detrás de Cataluña e País Vasco.

 

Neste senso, Oportunius conta tamén con axudas económicas para investigadores que se presentaron ás axudas ERC e quedaron ás portas de logralo. Dese xeito, facilítase que poidan volver a intentalo. Así, o apoio está condicionado a que se comprometan a presentar unha nova proposta cunha entidade galega, un importe de 50.000 € en dúas anualidades, así como asesoramento experto para apoiar a preparación da mesma.

 

Froito dos servizos de identificación de talento, asesoramento experto, preparación de propostas e acompañamento en entrevistas para incrementar a taxa de éxito das candidaturas galegas a ERC, avaliáronse 331 candidaturas. Ademais, desenvolvéronse 31 talleres con 773 participantes, así como accións de acompañamento a persoal. Este labor contribuíu ao incremento das propostas a ERC: en 2025 presentáronse 55 proxectos desde Galicia, máis do dobre que en 2023, ano no que se formalizaron 25.