O Consello Escolar de Galicia renova os seus membros
A meirande parte dos grupos decide manter os seus representantes, polo que só se mudan catro deles
O Consello da Xunta aprobou hoxe a renovación de parte dos membros do Consello Escolar, dando cumprimento ao establecido na lei reguladora deste órgano, que indica que serán renovados por metades cada dous anos en cada un dos grupos de conselleiros.
Consultados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a meirande parte dos grupos decidiu manter os seus representantes, de xeito que só mudan catro deles. No que atinxe aos representantes de pais e nais do alumnado, por proposta das confederacións de anpas do ensino público cesa José Antonio Álvarez Caride, que é substituído por Xabier Sánchez Sobral. Ambos representan á Confederación Galega de Anpas e Centros Públicos. No caso do grupo das organizacións empresariais, por proposta da Confederación de Empresarios de Galicia, cesa José Manuel Rodríguez Lago, ao que toma o relevo Gregorio Amoedo Troncoso.
En representación do profesorado, por proposta dos movementos de renovación pedagóxica de Galicia, sae do Consello Escolar de Galicia Xosé Ramos Rodríguez, ao que substitúe María Camino Pereiro González, ambos da Federación Galega de Movementos de Renovación Pedagóxica. Finalmente, mantéñense os representantes da Administración local, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias, agás Xosé Carlos Valcárcel Doval, ao que toma o relevo Patricia Domínguez Barja.
O Consello Escolar de Galicia, constituído en 1986, é o órgano colexiado de participación dos distintos sectores sociais no ámbito educativo. Funciona como espazo de reflexión, diálogo e proposta sobre a política educativa da Comunidade, co obxectivo de contribuír á mellora da calidade do ensino. A través deste foro, estimúlase a participación activa da sociedade no desenvolvemento e modernización do sistema educativo galego.