A futura Lei de ciencia e innovación marcará como un dos seus obxectivos achegar á I+G+i á cidadanía
O conselleiro participa na entrega de premios do festival científico de rúa CinVigo, organizado polo CINBIO da Universidade de Vigo e apoiado pola Xunta
Gaba o elevado nivel dos proxectos que o alumnado de ESO e Bacharelato presenta nesta cita e lembra que os estudantes galegos son líderes en ciencias en PISA
“Este festival é unha vía óptima para mellorar a cultura científica xeral e que a sociedade valore e apoie a investigación que se leva a cabo en Galicia”, afirma
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou en Vigo a importancia de achegar o labor dos científicos á cidadanía para participar de forma conxunta nos avances da nosa I+G+i. Ese será precisamente un dos obxectivos da futura Lei de ciencia e innovación na que está a traballar a Xunta de Galicia. Así o destacou con motivo da súa participación na entrega de premios do Festival CinVigo 2026, unha cita organizada polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.
O titular de Ciencia do Goberno galego gabou iniciativas coma o CinVigo, un festival científico na rúa para todas as idades, con espazos expositivos para mostrar ao público os traballos científicos que se fan nos centros de ESO e Bacharelato, así como unha ampla programación con experimentos, espectáculos, talleres infantís e sénior, proxectos científicos e ata xincanas. Neste senso, o conselleiro destacou o elevado nivel dos proxectos expostos, así como o talento e a proxección do alumnado implicado neles.
Para Román Rodríguez, achegar o coñecemento científico de xeito accesible e participativo é unha vía óptima para mellorar a cultura científica xeral e que a sociedade valore e apoie a investigación que se leva a cabo en Galicia. Por iso a divulgación científica e o achegamento da ciencia á sociedade son medidas que se terán en conta na nova Lei de ciencia e innovación que prepara a Xunta, unha normativa que entrará en vigor en 2027 para acompañar o gran momento que vive este sector na Comunidade e que suporá un salto cualitativo e cuantitativo, xa que será a base para o avance que está a vivir a I+G+i.
Entre as novidades da futura lei está a regulación de ámbitos como a atracción e retención de talento, a transferencia efectiva de resultados para achegar a ciencia á industria, a innovación empresarial ou a estimulación de iniciativa privada e o investimento en ciencia para que os resultados alcanzados nas investigacións teñan un impacto maior, así como conectar a cidadanía coa I+D+i, un dos piares sobre os que debe asentarse o noso benestar.
Proxectos de 34 centros educativos
O conselleiro puido coñecer de primeira man os proxectos presentados por preto de 250 estudantes de ESO e Bacharelato de 34 centros educativos de toda Galicia no Festival CinVigo. Esta feira científica, ao igual que outras que se desenvolven por toda Galicia, son fundamentais para a divulgación e o coñecemento do ecosistema galego innovador.
De feito, o alumnado galego é líder de España en ciencias no informe PISA, onde ocupa a primeira posición do Estado. Ademais, sitúase no oitavo posto do mundo nesta materia.
O CINBIO é un dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta de Galicia, unha plataforma para conectar, potenciar e visibilizar a ciencia excelente como marca Galicia Calidade. Para iso, o Goberno autonómico realiza un importante investimento que, no caso do CINBIO, supón xa case 8,4 millóns de euros directos, ademais de participar en numerosos programas de I+G+i da Xunta polos que recibe diferentes achegas.