Román Rodríguez sinala a rehabilitación do Colexio Pérez Viondi como unha clara mostra do compromiso da Xunta coa comunidade escolar da Estrada

O conselleiro de Educación inaugura as obras, nas que o Goberno galego investiu máis de 1 M€ e que suporán un aforro enerxético medio de máis do 72%

Destaca que a Xunta está a investir máis de 7 M€ na ampliación, reforma e modernización dos centros deste concello pontevedrés

A actuación abrangueu o cambio de 2.500 m² de cuberta, o illamento de 1.424m² de fachas, a colocación de 537 novas luminarias led e de 14 fiestras

Ven, 24/04/2026 - 11:44
Román visitando unha aula falando coas persoas presentes

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe a rehabilitación integral do Colexio Pérez Viondi como unha “clara mostra do compromiso da Xunta coa comunidade escolar da Estrada”. Fíxoo na inauguración destas obras, nas que o Goberno galego investiu máis de 1 M€, e que redundan nun aforro enerxético medio de máis do 72%.

 

Román Rodríguez destacou que, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta está a investir “máis de 7 M€ na ampliación, reforma e modernización dos colexios e institutos da Estrada”. Entre as actuacións de maior envergadura salientou a ampliación do Instituto Plurilingüe Antón Losada Diéguez (3 M€), a propia rehabilitación integral do Pérez Viondi ou a do CEIP de Figueiroa (840.000€).

 

O conselleiro salientou tamén a repercusión que esta obra está a ter xa na mellora da vida diaria da comunidade escolar do Pérez Viondi. A este respecto, explicou que a intervención se centrou, principalmente, en acadar un maior confort térmico e incrementar a eficiencia enerxética do colexio. “Este tipo de intervencións, que son prioritarias no Plan de nova arquitectura pedagóxica, teñen unha clara incidencia no benestar diario de alumnos, profesores e persoal non docente”, abondou.

 

A reforma en cifras

A rehabilitación integral do CEIP Pérez Viondi incluíu actuacións no edificio principal, no ximnasio e no exterior do centro. No que atinxe ao primeiro deles, mudáronse 2.500 m² de cuberta e aplicáronse 1.154 m² de material illante nas cámaras de aire das fachadas. A maiores, colocáronse 327 novas luminarias led e 200 luces de emerxencia, 1.696 m² de falsos teitos e unha nova caldeira de biomasa. Tamén se mellorou a accesibilidade coa instalación dun ascensor e dun baño adaptado e acometéronse outras pequenas reorganizacións de espazos interiores, en función das demandas do centro.

 

No referido ao ximnasio, cambiáronse 14 fiestras, inxectouse 270 m² de illante nas cámaras e instaláronse nove luminarias led, así como falso teito térmico e acústico e un novo pavimento deportivo. Xa no exterior, mellorarouse o pavimento de caucho do patio de Infantil.