A Formación Profesional galega amosa esta semana o seu potencial de investigación e innovación aplicada na oitava edición de FP Innova

A Cidade da Cultura acolle do mércores ao venres esta cita da Xunta, que visitarán arredor de 10.000 alumnos de 181 centros e aberta ao público en xeral

Ofreceranse máis de 70 iniciativas de innovación e emprendemento de centros de toda Galicia, así como obradoiros sobre creación de videoxogos ou impresión 3D

A feira conta cunha exposición de robótica, demostracións de ciberseguridade e espazos para participar en experiencias inmersivas e de realidade virtual

Arredor de 700 docentes e representantes de empresas afondarán na incidencia dos novos retos tecnolóxicos na FP na xornada técnica do congreso

Dom, 19/04/2026 - 12:39
FP Innova 2026

A Formación Profesional galega amosa esta semana o seu potencial de investigación e innovación aplicada en FP Innova 2026. Un total de 38 centros de toda a xeografía galega expoñen nos 4.100m² da feira máis de 70 iniciativas, entre proxectos de innovación, de emprendemento e obradoiros. A cita da Xunta conta tamén cunha exposición de robótica, demostracións de ciberseguridade e espazos nos para participar en experiencias inmersivas e de realidade virtual.

O programa inclúe, asemade, o Congreso FP Innova, que se desenvolve o día 22 no Edificio Fontán coa participación de arredor de 700 persoas entre docentes e representantes do mundo empresarial. Trátase dun evento de referencia na innovación didáctica e tecnolóxica nestas ensinanzas, organizado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

FP Innova, que chega á súa oitava edición, celébrase entre o mércores 22 e o venres 24 de abril no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, e agárdase a visita de arredor de 10.000 alumnos  de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP de 181 centros de toda Galicia. Ademais, estará aberta ao público xeral de xeito gratuíto en horario de 10,00 h a 14,00 h e de 16,00 h a 19,00 h, os días 22 e 23, e a mañá do 24.

Tecnoloxías punteiras

Os 39 proxectos de innovación que se mostran en FP Innova 2026 son un exemplo de como a FP galega está a empregar as tecnoloxías máis punteiras para dar resposta aos retos actuais. Gran parte destas iniciativas poñen o foco na dixitalización, na intelixencia artificial, na ciberseguridade, nas tecnoloxías inmersivas, na automatización e na robótica para mellorar a sustentabilidade e a eficiencia nos distintos sectores produtivos.

No ámbito da loxística intelixente e a nutrición, destaca o proxecto VoaComida (CIFP Manuel Antonio, Vigo), que integra a elaboración de menús en envases biodegradables cun sistema de distribución mediante drons de última xeración, empregado a intelixencia artificial para a personalización dos menús e optimización de rutas. O obxectivo é garantir o acceso a unha alimentación saudable e sostible en eventos ao aire libre ou en zonas de difícil acceso, apoiando especialmente á poboación envellecida.

No sector da automoción, o IES de Vilalonga (Sanxenxo) deseñou ARDIA, un innovador arco de diagnose automatizado para vehículos. O sistema combina visión artificial de alta resolución, sensores de presión e micrófonos avanzados para detectar danos estruturais, mecánicos ou de pintura. Grazas ao uso de algoritmos de aprendizaxe automático e o recoñecemento automático de matrículas, o arco optimiza os tempos de estancia no taller, mellorando a eficiencia operativa baixo o paradigma da Industria 5.0.

A robótica colaborativa e a intelixencia artificial converxen no proxecto brAlnbot (CIFP Politécnico de Lugo), un sistema robotizado deseñado para a interacción avanzada en xogos de estratexia complexos como o xadrez. A proposta integra un brazo robótico cun motor de decisión e un sistema de visión artificial para o recoñecemento de obxectos e posicións. Trátase dun modelo onde a computación e a mecánica colaboran para resolver retos de estratexia mediante o procesamento de datos avanzado.

No que atinxe ao sector audiovisual, destaca SIAX–Sistema de Intelixencia Audiovisual Xunqueira, elaborado polo alumnado do CIFP A Xunqueira (Pontevedra). Trátase dun equipo autónomo deseñado para gravar e emitir en streaming procesos gastronómicos sen necesidade de supervisión técnica directa. O proxecto integra visión artificial e intelixencia artificial para recoñecer ingredientes e pesos en tempo real, facilitando a produción de contidos culinarios audiovisuais innovadores.

A sustentabilidade e a protección do medio ambiente son eixes centrais en proxectos como Sistema de biodetección de contaminación de augas, unha iniciativa dos estudantes do IES Plurilingüe de Valga que emprega bivalvos como bioindicadores. A través de sensores, visión artificial e intelixencia artificial, monitorízase a resposta biolóxica destes organismos para detectar de forma temperá episodios de contaminación e garantir a calidade ambiental.

Pola súa banda a iniciativa Planta de enerxía para a unidade móbil da Fundación Diego González Rivas (CIFP As Mercedes, Lugo), parte dunha clara vocación social para deseñar e desenvolver unha planta híbrida e transportable con fins médicos. Este sistema garante un subministro eléctrico continuo e autónomo mediante fontes renovables para quirófanos móbiles que operan en contornas remotas de África. O propio Diego González Rivas participará no congreso para expoñer esta experiencia.

Finalmente, no sector primario e a gastronomía, o CIFP Ferrolterra (Ferrol) presenta o proxecto AbeiroTec, para optimizar o uso dos recursos naturais. Propón un refuxio itinerante e autónomo para o manexo de gando en réxime extensivo, integrando sistemas de alimentación e vixilancia remota mediante tecnoloxía IoT (internet das cousas). A iniciativa non só mellora a eficiencia das explotacións, senón que contribúe á redución do risco de incendios forestais mediante o aproveitamento sostible do monte.

Emprendemento e obradoiros

No espazo de emprendemento poderanse ver un total de 19 iniciativas distintas entre proxectos desenvolvidos no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, e empresas nacidas ao abeiro dos viveiros dos centros educativos. Entre elas destaca Pas eólicas, unha segunda oportunidade no mar (CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo), que xurdiu dentro do programa InnovaTech FP 2025. Trátase dun plan de empresa consistente na reutilización de pas eólicas en desuso como flotadores para bateas, reducindo os residuos e o impacto ambiental e favorecendo a sustentabilidade do sector acuícola galego.

Pola súa banda, Outpick - Armario virtual intelixente (IES Chan do Monte, Marín), primeiro premio no concurso Eduemprende Idea 2025, busca desenvolver as competencias emprendedoras do alumnado tanto a nivel profesional como persoal. Consiste na creación dun armario virtual que permite organizar a roupa dixitalmente e crear combinacións de conxuntos de forma rápida e sinxela, facilitando a xestión do vestiario diario.

No que atinxe ás iniciativas nacidas na Rede Galega de Viveiros de Empresas, poderanse ver propostas como Os doces de Sandra (CIFP Carlos Oroza, Pontevedra) empresa dedicada á pastelería artesanal integrando receitas clásicas e actuais coa innovación da pastelería moderna, garantindo elaboracións coidadas e de calidade, ou AgroSpectral S.L., (CIFP As Mercedes, Lugo) centrada no uso de drons para mellorar a xestión dos cultivos mediante análise aérea e recollida de datos, optimizando a produtividade, reducindo custos e fomentando prácticas sostibles.

A formación profesional máis inclusiva terá o seu espazo na exposición da man de Florecendo, do Centro de Educación Especial Santa María (Lugo), miniempresa dedicada á preparación de kits de cultivo de planta de horta e ornamental con soportes en rodas de madeira e testos de madeira reciclada.

No que atinxe aos obradoiros, permitirán ao alumnado visitante experimentar en primeira persoa con tecnoloxías e técnicas como a creación de videoxogos, a biotecnoloxía, a impresión 3D, a robótica, a programación en linguaxe natural ou as artes gráficas.

Outras actividades

Ademais dos proxectos de innovación, emprendemento e os obradoiros, o evento contará cunha exposición de robótica, na que se poderá ver en funcionamento desde modelos humanoides e bípedos, ata dispositivos deseñados especificamente para o coidado e asistencia de persoas, poñendo a tecnoloxía ao servizo do benestar social.

Por outra banda, contarase con demostracións en vivo sobre ciberseguridade, nas que os asistentes poden participar en exhibicións prácticas centradas na protección da identidade e dos activos dixitais, adquirindo estratexias clave para moverse con seguridade na rede.

Ademais disto, contarase cun espazo dedicado a tecnoloxías inmersivas que permiten integrar ás persoas en procesos virtuais avanzados, amosando como a captura de datos e a modelaxe están transformando a interacción co mundo dixital.

Tamén no eido da realidade virtual, os visitantes poderán experimentar a liberdade de voar cun simulador inmersivo de corpo completo, que combina movemento físico e sensación de vento para ofrecer unha vivencia hiperrealista.

A orientación profesional tamén xogará un papel destacado grazas ao orientador profesional virtual OPI Orienta, que permitirá aos asistentes realizar consultas sobre as ensinanzas de formación profesional.

Toda a información para visitar a feira está dispoñible no Portal educativo. No anexo final poden consultarse os proxectos participantes.

Formación docente

No que atinxe ao congreso, nesta edición analizarase o avance da intelixencia artificial, as tecnoloxías inmersivas, a automatización e a robótica na sociedade actual. Farase fincapé, ademais, na formación do profesorado en ciberseguridade, traballando a adquisición de competencias transversais, a actualización metodolóxica, a prevención de incidentes nos centros educativos e a posibilidade de trasladar boas prácticas ao alumnado, favorecendo unha cultura de seguridade dixital sólida e sostible.

Entre os obxectivos da xornada están sensibilizar sobre os riscos e ameazas dixitais, proporcionar ferramentas prácticas para protexer a información e os dispositivos, e fomentar a inclusión de contidos de ciberseguridade nas distintas familias profesionais. Ademais, abordaranse as principais novidades no eido da investigación e a innovación aplicada na FP de cara ao próximo curso académico.

Como complemento ao congreso, o día 23 ofrecerase unha recepción a empresas na zona expositiva da feira para que coñezan de primeira man a calidade e a innovación das propostas elaboradas nos centros de FP galegos.

ANEXO. Centros participantes con proxectos de innovación, emprendemento e obradoiros

Listaxe de proxectos de innovación

Concello

Centro educativo

Título

Pontevedra

CIFP Carlos Oroza

Cociñando Pontevedra, arte e vangarda no prato

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Revolucionando a hostalería e o turismo mediante un modelo de economía circular integrando a tecnoloxía de impresión 3D

Pontevedra

CIFP A Xunqueira

SIAX - Sistema de Intelixencia Audiovisual Xunqueira

Pontedeume

CIFP Fraga do Eume

Acuaponía Drink

Sanxenxo

IES de Vilalonga

O Parque Micolóxico: un espazo gastrodidáctico

Vigo

CIFP Manuel Antonio

IA MEL-IR: Control de calidade do mel mediante espectroscopia IR asistida por IA

Pontevedra

CIFP Montecelo

EcoGlow Area

Ourense

CIFP A Farixa

Dixitalización na valoración física con acelerómetros e intelixencia artificial

Vigo

CIFP Manuel Antonio

VoaComida: a innovación galega que achega alimentación saudable e sostible máis lonxe

Lugo

CIFP As Mercedes

Simulador de voo con panel de instrumentos e movemento real

Lugo

CIFP As Mercedes

Planta de enerxía para a unidade móbil da Fundación Diego González Rivas

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Simulador VR de instalacións de refrixeración industrial con amoníaco

Ourense

CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel

VitaSim XR: Plataforma háptica XR para adestramento en urxencias médicas

Ferrol

CIFP Ferrolterra

AbeiroTec

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Diagnose avanzada do automóbil por termografía

Lugo

CIFP As Mercedes

Mobilidade de hidróxeno verde en FP

Viveiro

IES María Sarmiento

Metaverso e-Motion

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

HYBRID³: Adestrador didáctico de tracción híbrida e eléctrica

Santiago de Compostela

CIFP Compostela

Espazo virtual de adestramento didáctico dun espectrodensitómetro

Santiago de Compostela

IES Lamas de Abade

Deseño, elaboración e personalización de protectores bucais e dispositivos portátiles de desinfección

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

RumedSim: Simulador da central de esterilización

Ourense

CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel

ProMeTeo: Vixilancia e control do mosquito tigre en Galicia

Ourense

IES 12 de Outubro

Rituais tripla fusión Cosmética, Galénica e Gourmet

Monforte de Lemos

IES A Pinguela

Reutilización e valorización de residuos de cabelo para a extracción de biomateriais sostibles

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Cestaría e moble: Unindo tracición e deseño

Pontevedra

CIFP A Xunqueira

EcoWood Charge

A Estrada

IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez

Natureza e Innovación: Taboleiros con alma sostible

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Estudo, deseño e construción dun kartcross eléctrico, ekart.

Arzúa

IES de Arzúa

Innovación tecnolóxica na extracción de resina en Galicia

Melide

IES de Melide

Patróns e modelos por corte láser e impresión 3D

Ortigueira

IES de Ortigueira

ORTISelfie

Sanxenxo

IES de Vilalonga

ARDIA FP – Arco de Diagnose Automatizado de Vehículos

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Cerámicas técnicas mediante IMPRESIÓN 3D

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Deseño, mecanizado e inxección dun molde con cámara quente e secuencial

Carballo

IES Monte Neme

PIN. Patrimonio intelixente: conservación e divulgación

Ferrol

CIFP Ferrolterra

SCOUT Mobile

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

brAInbot: Robot Colaborativo para Xogos de Estratexia con IA

Valga

IES Plurilingüe de Valga

Sistema de biodetección de contaminación de augas

Vigo

CIFP Audiovisual de Vigo

AEAG: Arquivo Educativo Audiovisual Galego

 

Listaxe de proxectos de emprendemento

Concello

Centro educativo

Título

Lugo

CIFP As Mercedes

Optipaster: Optimización de consumos de auga e enerxía na pasteurización de bebidas

Ourense

CIFP Carballeira – Marcos Valcárcel

EscoitaTECH: Mantemento preditivo de equipos industriais mediante análise acústica con intelixencia artificial

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Monitorización ambiental en zonas forestais

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Rexuben

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Pas eólicas,  unha segunda oportunidade  no mar

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

ECOAIRBAG: Solución de embalaxe sostible

Pontevedra

CIFP A Xunqueira

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Sistema automático de limpeza de reixas

Lugo

CEE Santa María

Florecendo

Pontevedra

CIFP Carlos Oroza

Os doces de Sandra

Vigo

CIFP Manuel Antonio

Pallet Van

Ourense

CIFP Portovello

NOS: Solucións sen fronteiras

Marín

IES Chan do Monte

Outpick:  Armario virtual intelixente

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Xeitos de sentir

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

ApiDerma Lab: Cosmética Sólida

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Laboratorio de Xogos

As Pontes

CIFP Paseo das Pontes

Ainhoavigo.studio

Lugo

CIFP As Mercedes

AgroSpectral SL

 

Obradoiros

Concello

Centro educativo

Título

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Impresión 3D

Ourense

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Vibe coding, programación en linguaxe natural

Ourense

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Creación de videoxogos e realidade virtual

A Coruña/ Noia

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto / IES Campo de San Alberto

Biolab: A ciencia nas túas mans

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Reacciona coa química... e presume de ciencia

A Coruña

CIFP Someso

Servizos estéticos de coidado persoal

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Elaboración de preparacións con chocolate

Foz

IES de Foz

Masas italianas

Pontevedra

CIFP Carlos Oroza

Snacks Fp: Bocados responsables

Lugo

IES Sanxillao

Da lata ao prato

Santiago de Compostela

CIFP Compostela

Coctelería Sensorial sen alcohol

Santiago de Compostela

IES Arcebispo Xelmírez I

DJ-aula

Ferrol

CIFP Leixa

Grafi-aula: estampaxe personalizada

A Coruña

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto

O camiño da innovación