Máis de 370 alumnos de dez centros educativos desenvolven o programa Impulso Mentor, de prevención do abandono escolar na etnia xitana

A Xunta pon en marcha por primeira vez este curso esta iniciativa, dirixida a alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria

Os estudantes reciben clases de reforzo fóra do horario lectivo e sesións de mentoría, individuais e grupais

Sáb, 18/04/2026 - 11:41
Impulso Mentor

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar a resolución do programa Impulso Mentor, unha iniciativa posta en marcha este curso pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano, para a prevención do abandono escolar focalizada no alumnado de etnia xitana. Analizadas as solicitudes, son dez os centros seleccionados para desenvolver este proxecto, coa participación de máis de 370 alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos da Educación Secundaria Obrigatoria.

Ao abeiro de Impulso Mentor, os centros desenvolven tres tipos de iniciativas: mentorías, sesións grupais e clases de reforzo fóra do horario lectivo. No caso das mentorías, cada centro selecciona entre tres e cinco alumnos para participar nun proceso de asesoramento e acompañamento en sesións individuais. No caso das sesións grupais, trátase de charlas de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia en cultura xitana para dar a coñecer as súas tradicións, valores e patrimonio cultural. Finalmente, o reforzo das competencias clave fóra do horario lectivo desenvólvese a través de titorías personalizadas e sesións de apoio educativo cunha duración de dúas horas semanais.

A relación de centros participantes é a recollida na seguinte táboa:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

Ferrol

IES de Catabois

Lugo

Monforte de Lemos

CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos

Ourense

Maside

CPI Terras de Maside

Ourense

CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro

Verín

IES Xesús Taboada Chivite

Pontevedra

As Neves

CEIP Plurilingüe Marquesa do Pazo da Mercé

Poio

CEIP de Viñas

Vigo

IES Ricardo Mella

O Porriño

CEIP da Ribeira

O Porriño

IES Ribeira do Louro

Inclusión e motivación

O programa Impulso Mentor, enmarcado na Estratexia de inclusión educativa da Xunta, ten como obxectivo motivar e acompañar ao alumnado desta etnia, evitando que abandone o sistema educativo. Para iso, preséntanselles referentes que melloran a súa confianza en si mesmos e que lles amosan as diferentes posibilidades de desenvolvemento académico e persoal.

Nesta mesma liña, a Consellería de Educación ten a disposición do sistema educativo unidades didácticas sobre o pobo xitano para promover o coñecemento da súa historia e riqueza cultural, adaptados ás etapas de Educación Infantil, Primaria e ESO.