Román Rodríguez pon en valor a importancia da reforma do Instituto Alfredo Brañas na mellora da vida diaria da comunidade educativa

O conselleiro de Educación comproba o resultado das obras, que completan a rehabilitación do salón de actos e supoñen un investimento total da Xunta de 2 M€

Renováronse cubertas e fachadas, conseguindo un aforro enerxético do 55%, e instaláronse novas portas e falsos teitos, entre outros traballos

A Consellería de Educación está a investir 8 M€ en melloras nos centros da Costa da Morte ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Mér, 15/04/2026 - 11:35
Román e un grupo de persoas posan en pé diante do instituto

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto Alfredo Brañas para comprobar o resultado da rehabilitación integral acometida no centro. A obra, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, contou cun orzamento de máis de 1,7 M€ e súmase á reforma do salón de actos cunha achega de 270.000 €. Isto fai que o investimento total da Xunta no centro ascenda a case 2 M€.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor a importancia desta actuación para mellorar a vida diaria da comunidade escolar, integrada por máis de 700 persoas. “Estamos a falar dunha intervención coa que renovamos totalmente a envolvente, isto é, cubertas, illamento de fachadas e fiestras, o que redunda nun maior confort térmico”, destacou o conselleiro.

 

Román Rodríguez sinalou tamén que este tipo de obras levan consigo tamén unha importante redución do consumo de enerxía, “contribuíndo a que os edificios educativos sexan tamén máis respectuosos co medio ambiente, un dos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica”. No caso do instituto carballés, conséguese un aforro enerxético do 55%.

 

A obra en cifras

No que atinxe ás actuacións para a eficiencia enerxética, no IES Alfredo Brañas colocáronse 4.545 m² de sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE nas fachadas. Así mesmo, instalouse unha nova cuberta 602 m² de panel sándwich con illamento térmico, colocáronse novos canlóns e baixantes e mudáronse 729 luminarias por unhas novas de tipo led.

 

Por outra banda, renováronse 300 fiestras por unhas novas de aluminio en anodizado natural con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade. Tamén se substituíron as persianas, así como as carpinterías interiores, un total de 149 portas, que son de laminado fenólico.

 

A maiores, instalouse falso teito rexistrable nas aulas do módulo de ampliación (que ata o momento carecían del) e realizáronse tarefas de pintado nas zonas afectadas pola rehabilitación.

 

Investimento de 8 M€ na Costa da Morte

O Goberno galego está a investir 8 M€ en melloras dos centros da Costa da Morte no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Neste momento está en licitación a rehabilitación integral do Colexio O Areal, en Camariñas, por máis de 1,1 M, e está comprometida a obra de cambio de cuberta do Instituto Eduardo Pondal de Ponteceso, cun orzamento de case 400.000 €.

 

Entre as actuacións de maior envergadura na Costa da Morte xa rematadas destacan a ampliación do CEIP Mar de Fóra (Fisterra, 913.000 €). Tamén se realizaron melloras no Centro Público Integrado As Revoltas (Cabana de Bergantiños, 660.000€), no CEIP Plurilingüe Eugenio López (Cee, 518.000€) e no CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe, 420.000€), entre outras.