Galicia incluirá como obrigatoria a formación dixital do profesorado e valorará estes coñecementos como méritos nos procesos selectivos
O conselleiro de Educación inaugurou unha xornada divulgativa sobre a futura Lei de educación dixital cun cento de integrantes da Rede de Formación do Profesorado
Román Rodríguez explica que esa obrigatoriedade cinguirase a determinadas competencias consideradas estratéxicas para o bo funcionamento do sistema
A nova normativa recollerá a posibilidade de que a competencia dixital puntúe para o procedemento de ingreso para determinados postos na función pública docente
Contémplase que a Consellería contribúa á formación do profesorado das facultades nesta materia a través de acordos de colaboración coas universidades públicas
A futura Lei de educación dixital da Xunta Galicia incluirá como obrigatoria a formación dixital do profesorado en competencias que se consideren estratéxicas e tamén valorará este coñecementos dixitais como méritos nos procesos selectivos do profesorado. Así se recollerá na norma que sairá a exposición pública nos vindeiros días e que centrou hoxe unha xornada divulgativa dirixida a un cento de integrantes da Rede de Formación do Profesorado, na que participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
O titular de Educación do Goberno galego debullou o espírito e os principais contidos deste texto lexislativo “pioneiro e único en España” que permitirá avanzar “na consolidación dun ensino híbrido” a través de “normas claras e responsables que dean certezas aos profesorado, aos alumnos e ás súas familias”, asegurou.
Román Rodríguez explicou que un dos aspectos novidosos que abordará esta lei é o que atinxe á formación do profesorado, que debe estar en “continua actualización” e adaptarse “ás novas esixencias en competencias e destrezas tecnolóxicas”. Nesta liña, desde a Xunta darase un importante paso adiante facendo obrigatoria a formación dixital dos docentes para determinadas competencias entendidas como estratéxicas. Esta obrigatoriedade cinguirase a “propostas concretas que se consideren imprescindibles para o bo funcionamento do sistema educativo”, detallou o conselleiro.
Así mesmo, estes coñecementos dixitais contarán como méritos nos procesos de ingreso na función pública docente así como para os procedementos de provisión de postos de traballo de determinadas características. Deste xeito, valoraranse de forma concreta a competencia dixital dos aspirantes e a súa idoneidade para o desempeño destas funcións. A baremación de méritos nestes procesos deberá reflectir a formación e experiencia en educación dixital, e, de ser o caso, poderá esixirse un nivel mínimo acreditado de competencia dixital para determinados postos. Tal e como recolle a normativa, os requisitos específicos de competencia dixital para cada tipo de posto ou función serán determinados nas correspondentes relacións de postos de traballo.
Convenios coas universidades
Outro dos aspectos novidosos que se impulsará a través desta lei é a formación en materia de ensino dixital do profesorado universitario das facultades de Educación galegas. Tal e como explicou o conselleiro, o que se busca é “garantir a coherencia entre a formación inicial esixida nas facultades e as necesidades reais e actualización constantes do exercicio docente nas etapas non universitarias” e que ambas partes do proceso "estean aliñadas” en canto á coñecementos e destrezas a adquirir.
Para iso, a Consellería de Educación promoverá convenios de colaboración coas universidades públicas para facilitar que o persoa docente universitario das facultades de Ciencias da Educación e equivalentes poida acceder ás actividades de formación continua en competencia dixital organizadas pola Xunta. É dicir, que o profesorado universitario poderá tamén beneficiarse da formación da Consellería de Educación.
Reforzo da autoridade docente
Tras debullar a parte normativa que atinxe á formación do profesorado, Román Rodríguez lembrou tamén que a futura lei incorporará outros aspectos novidosos que atinxe directamente aos docentes como que se estenderá á contorna dixital a condición de autoridade pública do profesorado que xa opera actualmente na aula, o que lles confire “un engadido de recoñecemento e protección” no exercicio da súa profesión.