A Xunta anuncia a licitación do cambio de cubertas no IES As Telleiras de Narón por máis de 420.000 €

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación sinala no Parlamento que está a piques de convocarse a obra deste instituto así como a de rehabilitación integral do Colexio A Gándara, cun orzamento de case 1,5 M€

Tamén se está a preparar unha actuación na cuberta do CEIP Plurilingüe Ponte de Xubia e, para os seguintes exercicios, obras nos CEIP Plurilingüe Virxe do Mar e A Solaina

A Xunta suma 5 M€ en investimentos en melloras educativas en Narón

Mar, 14/04/2026 - 12:47
O secretario sentado nunha mesa diante dun micrófono

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, anunciou hoxe no Parlamento que a Xunta vai licitar en breve o cambio de cubertas do Instituto As Telleiras, de Narón, por un importe de máis de 420.000 €, o que eleva a uns 5 M€ o importe das actuacións de mellora das infraestruturas educativas neste concello.

 

A actuación, contemplada no Plan de nova arquitectura pedagóxica con horizonte 2028, reflicte o compromiso do Goberno galego cos centros de Narón, sinalou o secretario xeral técnico. Recordou, ademais, que neste instituto xa se levaron a cabo diversos traballos encamiñados a solucionar problemas puntuais nas cubertas, cun investimento de máis de 60.000€.

 

Tal e como explicou, neste momento estase ultimando o proceso de licitación co fin de executar as obras necesarias que permitan resolver de maneira definitiva estas incidencias. A este respecto fixo fincapé na situación excepcional vivida este ano, con episodios de choivas especialmente intensas.

 

Por outra banda, en relación coas reparacións nas instalacións eléctricas, estase a tramitar un investimento de 28.150€ destinado a dar cumprimento aos requirimentos sinalados na inspección obrigatoria, co fin de asegurar que as instalacións se adapten plenamente á normativa vixente. No que atinxe ao funcionamento do grupo electróxeno, trátase de actuacións de mantemento ordinario que está acometendo directamente o centro, para garantir a súa operatividade.

 

Rehabilitación do CEIP a Gándara

A estas intervencións hai que sumarlle novas actuacións en marcha, como a rehabilitación do Colexio A Gándara, tamén a piques de adxudicarse, cun orzamento de case 1,5 M€.

 

A intervención inclúe o illamento térmico da fachada con sistema SATE, dándolle tamén un acabado máis moderno ao edificio, a substitución de carpinterías exteriores por unhas novas de alta eficiencia enerxética que melloren o illamento térmico e acústico e a colocación dunha nova cuberta de panel sándwich con illamento de la de roca. Ademais, instalarase un lucernario de placas translúcidas planas de policarbonato celular. A maiores, mellorarase a accesibilidade do centro coa instalación dunha rampla na fachada posterior e colocaranse falsos teitos con luminarias led no interior do colexio.

 

A maiores, a Consellería de Educación está a preparar unha actuación na cuberta do Colexio Plurilingüe Ponte de Xubia, cun investimento estimado de preto de 50.000€, e que se acometerá este mesmo ano e, para os seguintes exercicios, están contempladas melloras no CEIP Plurilingüe Virxe do Mar e no CEIP A Solaina.

 

Mantemento municipal

O secretario xeral técnico lembrou que é fundamental que os concellos, no marco das súas competencias, leven a cabo as tarefas de conservación necesarias, especialmente en cubertas e canlóns. “De feito, moitos dos problemas detectados no conxunto dos centros en Galicia, teñen a súa orixe na falta deste mantemento preventivo”, dixo.

 

Así se lle trasladou á alcaldesa de Narón na reunión que mantivo co conselleiro e co secretario xeral técnico, xa que no caso dos centros de Educación Infantil e Primaria a conservación, o mantemento e as reparacións ordinarias corresponden aos concellos, tal e como indica a normativa.