Román Rodríguez pon á atleta Susana Rodríguez Gacio como exemplo de inclusión e de triunfo dun talento que supera barreiras

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP asiste á conferencia inaugural da deportista paralímpica e médica no III Congreso de Educación Inclusiva

Salienta como prioridade número un de Goberno acadar o ensino máis inclusivo, no que cada alumno poida desenvolver ao máximo as súas capacidades

A cita, á que asisten 650 docentes, conta con reputados expertos na materia e coa presenza de catro centros de ensino que expoñen as súas boas prácticas

Mar, 14/04/2026 - 12:51
Román sentado no escenario dirixíndose ao auditorio

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no III Congreso de Educación Inclusiva, cuxa conferencia inaugural correu a cargo da deportista paralímpica e médica Susana Rodríguez Gacio. O titular de Educación da Xunta presentouna como un exemplo de inclusión e de triunfo dun talento que supera barreiras. “Representa á perfección o valor da superación, da igualdade de oportunidades e da inclusión real, que se constrúe con moito esforzo”, afirmou nunha cita que reúne ao redor de 650 docentes

 

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou a importancia de traballar no día a día neste eido, dado que a inclusión “non é un concepto abstracto, senón unha práctica diaria que transforma vidas”. Neste sentido, salientou como prioridade número un do seu departamento acadar o ensino máis inclusivo posible, no que cada alumno poida desenvolver ao máximo as súas capacidades. “Temos moito camiño andado, pero aínda queda moito por facer, non nos conformamos”, reflexionou o conselleiro.

 

A este respecto, a Xunta está en marcha a Estratexia galega de inclusión EduInclúe 2030 con novas propostas como a medida pioneira de Galicia, que pondera de xeito especial ao alumnado con necesidades, de xeito paralelo á redución de ratios nas aulas. Tamén a mellora da formación do profesorado en colaboración coas entidades especializadas na atención á diversidade, entre outros aspectos.

 

Todo isto apoiado nunha rede de profesionais de Audición e Linguaxe (AL) e de Pedagoxía Terapéutica (PT), que duplicou nos últimos anos o seu número ata chegar ás máis de 5.000 especialistas traballando nos centros educativos nestes momentos.

 

Relatorios e boas prácticas

Ademais da conferencia inaugural de Susana Rodríguez Gacio, o congreso conta coa participación de reputados expertos no eido da educación inclusiva. Deste xeito, José Javier Vicente Hormigos, profesor da Universidade de Alcalá de Henares, aborda a aprendizaxe cooperativa como metodoloxía inclusiva na aula e Alba García Barrera, doutora en Educación e membro do Grupo de Investigación sobre Políticas Educativas Supranacionais da Universidade Autónoma de Madrid, afonda no uso da tecnoloxía e a innovación para a inclusión.

 

Araceli Salas, educadora infantil e psicomotricista terapéutica, ademais de voceira do Observatorio Internacional de Dislexia (OIDEA) e da Federación Española de Dislexia (FEDIS), ofrece pautas prácticas para comprender e normalizar a dislexia na aula, así como para deseñar plans de actuación efectivos; mentres que Abraham B. Arenas, doutor en Dereito, Educación e Desenvolvemento e investigador en neurodiversidade, imparte un relatorio centrado na importancia do paradigma da neurodiversidade e na necesidade de recoñecer e valorar diferentes formas de aprender e procesar o mundo.

 

Así mesmo, presentan as súas boas prácticas inclusivas os colexios Alfonso D. Rodríguez Castelao (Rianxo) e Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa), o Instituto Santa Irene (Vigo) e o Centro Integrado de FP Paseo das Pontes (A Coruña).