Rueda aposta por seguir impulsando unha universidade pública galega forte como motor de progreso da comunidade

O presidente da Xunta participou esta mañá na toma de posesión da nova reitora da USC

Felicita a Rosa Crujeiras e destaca a importancia de que sexa a primeira muller en presidir esta institución e agradeceu o traballo do exreitor, Antonio López, e todo o seu equipo

Destaca que o sistema universitario galego é o máis accesible de España, grazas á matrícula gratuíta e ás taxas conxeladas durante 15 anos

Recorda o compromiso da Xunta co financiamento das universidades, e avanza que en breve se comezará a deseñar un novo plan financeiro

Aposta por seguir impulsando a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento

Ven, 10/04/2026 - 15:03
Rueda

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a necesidade de impulsar unha universidade pública galega forte, moderna e eficiente co obxectivo de que siga sendo, como ata o de agora, un motor de progreso da comunidade autónoma. “Todos queremos o mesmo: que ás universidades lles vaia ben para que a Galicia lle vaia ben”, sinalou.

Así se referiu esta mañá, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a toma de posesión da nova reitora da USC, Rosa Crujeiras, a quen felicitou no seu acceso ao cargo e destacou a importancia de que sexa a primeira muller en presidir esta institución; “creo que todos e todas agardamos que non sexa a última”, apuntou. Ademais, tamén agradeceu o traballo do exreitor, Antonio López, xa que “foi sempre un negociador esixente, moi coñecedor do que tiña entre mans, pero tamén con moita lealdade”, así como a todo o seu equipo.

Neste sentido, Rueda expresou o seu desexo de que “continúe esta colaboración non só coa Xunta de Galicia, senón tamén entre as tres universidades públicas galegas, sendo conscientes sempre do fundamental: que conforman o sistema universitario público galego, que é tanto como dicir un dos motores principais de Galicia”.

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico fixo fincapé no compromiso do Goberno galego co sistema universitario. Así, recordou que Galicia foi a “primeira comunidade con matrícula universitaria gratuíta”, e que as taxas levan 15 anos conxeladas. Ambas medidas aforran ás familias galegas 20 millóns de euros ao ano e consolidan ao noso sistema universitario como o máis accesible de España.

“Esa universidade cada vez máis accesible, ese ascensor social baseado no esforzo unha vez que se poñen as circunstancias, creo que é clave”, indicou.

Investimento no sistema universitario

Tamén puxo en valor o compromiso da Xunta co financiamento. De feito, grazas ao impulso do plan vixente, Galicia xa acada un gasto público total nas universidades equivalente ao 1% do PIB. No que atinxe ao financiamento da Xunta, os recursos distribúense a través dun plan financeiro plurianual, o que permite ás universidade planificar a medio prazo.

Neste sentido, avanzou que a Administración autonómica e as universidades comezarán en breve a deseñar un novo plan que reforce a seguridade financeira, a mellora das titulacións, a investigación ou a internacionalización das universidades. “E temos que seguir buscando respostas a retos como o da vivenda, un gran problema xeral para a cidadanía e, polo tanto, tamén para a comunidade universitaria”, sinalou.

Rueda salientou tamén a capacidade de innovación e investigación que atesouran as universidades, que as sitúa na excelencia, ademais de que permite a transferencia de coñecemento á sociedade e ao tecido produtivo. “Toda a potencia investigadora, cada vez máis evidente, do tecido da I+G+i galego, quixemos que estivese directa e expresamente na mesma Consellería que leva as relacións coas universidades; creo que é unha mensaxe de que ao final todo é un conxunto que hai que facer medrar desde a organización”, explicou.