A FP galega viaxa a Liberia para facer posible a xestión enerxética do quirófano móbil da Fundación Diego González Rivas

A directora xeral de FP e o delegado da Xunta en Lugo participan na presentación da iniciativa, que dá mostra da relevancia e internacionalización destas ensinanzas

Agradecen ao CIFP As Mercedes o seu exemplo de solidariedade e a súa implicación para poñer de manifesto a utilidade da FP en todo tipo de situacións

Lun, 06/04/2026 - 17:20
O alumnado e profesorado participante posando en pé

Un equipo de tres docentes do Centro Integrado de FP As Mercedes viaxará a Liberia desde mañá ata o día 17 de abril para dar soporte ao quirófano móbil da Fundación Diego González Rivas. A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a presidenta da fundación, Carla Salgado, participaron esta tarde na presentación da iniciativa, que dá mostra da utilidade e relevancia da FP galega, así como da súa internacionalización.

 

Trátase, en concreto, de Leticia Conde, Víctor Manuel Paz e Alberto Pereira López, profesores do departamento de Eficiencia Enerxética deste centro lucense, que fan posible a xestión enerxética do quirófano móbil da fundación do prestixioso médico referente internacional na cirurxía torácica mínimamente invasiva. O labor do profesorado céntrase en ofrecer soporte técnico especializado para garantir o funcionamento da central de enerxía que alimenta o quirófano móbil, un elemento esencial para que o equipo médico poida desenvolver a súa actividade con seguridade e continuidade.

 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional agradece aos docentes participantes a súa implicación con estas misións, destacando que non só son un referente de saber facer e de capacidade técnica, senón un exemplo de solidariedade para os seus alumnos e para todo o sistema educativo. Así mesmo, pon en valor a disposición do CIFP As Mercedes a colaborar neste tipo de iniciativas e en calquera que supoña por de manifesto o alto nivel de preparación e innovación da FP galega, aplicable a todo tipo de circunstancias.

 

A unidade móbil da Fundación Diego González Rivas permite a realización de intervencións cirúrxicas en zonas con acceso moi limitado a servizos sanitarios. O CIFP As Mercedes xa colaborou nesta tarefa, por exemplo, na viaxe a Sierra Leona do pasado ano, onde colaborou tamén no soporte ao quirófano