A Xunta reforza o modelo híbrido en E-Dixgal coa incorporación de novos materiais didácticos en papel
A Consellería de Educación licitará este mes un novo contrato, por un importe de máis de 1,1 M€, para adquirir contidos, deseñados e impresos por editoriais en formato físico, que estarán dispoñibles nos centros desde o vindeiro curso
Beneficiaranse deste material máis de 25.000 alumnos de 5º e 6º curso de Primaria integrados nesta iniciativa educativa ao longo dos próximos dous cursos
Os centros disporán de fichas didácticas, fichas de ampliación e repaso e fichas de actividades prácticas adaptadas aos distintos niveis e áreas do currículo
Cada aula terá un moble contedor con todos os recursos organizados e con copias suficientes para traballar en grupos de cinco alumnos como mínimo
Proporcionarase tamén elementos coma lupas, termómetros, báscula, cintas métricas, cronómetros, regletas, figuras xeométricas, mapas, moedas e xogos didácticos
O Goberno galego avanza así na segunda fase de mellora deste programa, logo de reforzar os libros en papel o pasado setembro xeito equilibrado coa tecnoloxía
A Xunta de Galicia avanza na segunda fase de reforzo do modelo de ensino híbrido no programa E-Dixgal iniciada o pasado curso. Para iso, vai dar un novo paso coa incorporación de recursos educativos impresos e material didáctico en formato físico. Con esta finalidade, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licitará este mes un contrato por un importe de máis de 1,1 millóns de euros co obxectivo de adquirir estes contidos deseñados por empresas editoriais e que se porán a disposición dos centros que forman parte desta iniciativa a partir do vindeiro curso escolar 2026-2027.
O obxectivo é combinar nas aulas en equilibrio ferramentas dixitais e analóxicas, apostando por un modelo complementario que aproveite as potencialidades de todos os recursos e minimice os riscos asociados ao uso da tecnoloxía nos máis novos.
E-Dixgal é un programa voluntario, ao que os centros se adhiren ou se dan de baixa con autonomía, que se inicia en 5º de Primaria e este será o curso onde se incorporen os primeiros contidos en papel o próximo ano académico. Continuará o curso seguinte en 6º de Primaria. Así pois, no período de dous anos de implantación dos novos materiais físicos, está previsto que se beneficien deles máis de 25.000 alumnos do cen por cen dos centros E-Dixgal que imparten Educación Primaria. Cómpre recordar que, xa o pasado mes de setembro, estes cursos incorporaron o libro de texto, que os estudantes empregan de xeito simultáneo co ordenador e os recursos dixitais.
Tipos de fichas dispoñibles
Estes novos recursos en soporte papel abranguen fichas didácticas, fichas de repaso e ampliación e fichas empíricas de actividades prácticas, todas adaptadas aos distintos niveis e ás áreas do currículo. Isto é, Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Lingua Estranxeira e Matemáticas.
No caso das fichas didácticas, o seu contido abarcará diferentes tipos de actividades de comprensión, produción escrita, razoamento lóxico e análise, actividades de carácter creativo, de investigación e de gamificación, empregando os xogos como ferramenta didáctica. Estas fichas estarán en formato reutilizable e inclúen material gráfico e solucións accesibles mediante QR.
As fichas de repaso e ampliación correspondentes a cada bloque de contidos de cada área abranguen prácticas guiadas, exercicios de repetición e consolidación, traballo con datos mediante gráficos, táboas e esquemas, exercicios sinxelos de aplicación directa e exercicios máis complexos de razoamento crítico, retos lóxicos e microactividades competenciais para resolver situacións plantexadas.
No que atinxe ás fichas de práctica empírica, inclúen material para realizar prácticas nas áreas de Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Matemáticas. Para iso, proporcionarase elementos coma lupas, termómetros, báscula, cintas métricas, cronómetros, regletas, figuras xeométricas, mapas, moedas e xogos didácticos, entre outros.
Cada unha das aulas dos centros educativos adheridos a E-Dixgal vai dispor do seu propio moble contedor con todo este material e recursos didácticos perfectamente identificados e organizados e co número de copias suficientes para que o alumnado poida traballar en equipo en grupos de cinco alumnos como mínimo.
Formación a profesorado e familias
A dotación de novo material físico vai acompañada tamén de formación específica para o profesorado sobre o uso pedagóxico do modelo híbrido, a integración equilibrada de recursos dixitais e analóxicos, a aplicación de metodoloxías activas e competenciais por parte dos docentes e o uso do material manipulativo e recursos didácticos.
Paralelamente, a Consellería de Educación, como xa vén facendo desde o presente curso, reforzará aínda máis a información ás familias a través de xornadas e talleres sobre orientación no uso responsable da tecnoloxía, acompañamento no proceso educativo do alumnado e comprensión do papel dos libros de texto e dos recursos dixitais.
Perfeccionamento continuo
Esta dinámica enmárcase dentro do proceso de actualización de E-Dixgal cuxa primeira fase arrancou este 2025-26 coa incorporación de libros de texto en Primaria. De feito en Educación Primaria (onde E-Dixgal opera para 5º e 6º curso), preto do 82% dos colexios combinan este curso co emprego de entre un e tres libros. No caso da ESO, onde xa se combinaba o libro co ordenador, o 87% dos centros aposta polo modelo híbrido.
Tamén se afianza a plataforma cREAgal, que achega materiais didácticos en aberto desde 5º de Primaria ata 4º de ESO elaborados por docentes do sistema educativo público galego e para docentes, o que garante a súa adecuación ao contexto real das aulas e a súa utilidade práctica no día a día. Cómpre lembrar que se trata dunha iniciativa pioneira no ámbito nacional que reforza tamén o modelo galego de ensino híbrido, na medida en que o contido dixital destes recursos vai acompañado de documentación que se pode empregar en papel, e mesmo vai acompañado dunha guía.
Modernización do ensino galego
O Goberno galego avanza así no reto da modernización do ensino como parte da Galicia Calidade, promovendo un equilibrio proveitoso entre a tecnoloxía e a pedagoxía, dando así cumprimento aos requirimentos normativos europeos e estatais, xa que tanto o Consello de Europa como as leis e os currículos españois sitúan a competencia dixital como unha prioridade desde a infancia e unha obriga para formar á cidadanía do mañá.
Nesa aposta de blindar un ensino de calidade onde se combinen as potencialidades das novas tecnoloxías co uso dos métodos máis tradicionais, a Xunta está ultimando a futura Lei de educación dixital, a primeira no seu ámbito en España e no resto de Europa que vai regular os dereitos e os deberes a partir do próximo curso escolar.