A Xunta destaca o labor do Instituto do Castro no reforzo das competencias do alumnado, a inclusión e o benestar

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o centro, que forma parte do Programa Centros Referentes impulsado pola Consellería de Educación

Ven, 13/03/2026 - 11:05
IES CASTRO

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, coñeceu hoxe de primeira man os proxectos desenvolvidos polo Instituto do Castro, en Vigo, no marco do programa Centros Referentes impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para fomentar a inclusión e a innovación educativa, así como o reforzo das competencias académicas do alumnado.

A representante da Xunta de Galicia gabou o “importante labor” que está realizando este centro educativo con iniciativas innovadoras como unha de carácter experimental en Matemáticas, Ciencias e Filosofía que consiste nun proxecto de xeometría aplicada á horta escolar e xogos matemáticos nos recreos na que os alumnos empregan as tecnoloxías para a experimentación e a recollida e análise de datos. Segundo Judith Fernández, este proxecto é un exemplo “dun espazo de investigación práctica e interdisciplinar co uso da tecnoloxía ao servizo da aprendizaxe”.

O programa Centros Referentes e unha das seis liñas de acción do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno autonómico para a modernización e consolidación do sistema educativo galego. A través del, desenvólvense proxectos en oito ámbitos de mellora que son a competencia matemática, a competencia lectora, a inclusión, a convivencia, o benestar emocional, a igualdade, a internacionalización e a sustentabilidade. O obxectivo disto é que poidan influír positivamente noutros centros similares e converterse en exemplos de boas practicas promovendo actuacións e metodoloxías que poidan ser replicadas e adaptadas por outros centros.

Así mesmo, o Instituto do Castro participa en programas do Plan Proxecta promovidos pola Xunta de Galicia así como noutros de Bibliotecas Escolares e de internacionalización, así tamén nas probas de acreditación de competencias dixitais que se están a desenvolver esta semana, reforzando así a formación integral do alumnado.