A Xunta presenta a candidatura para que Santiago de Compostela sexa en 2028 cidade europea da ciencia
A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades culmina o proceso para optar á convocatoria da Comisión Europea ‘Science Comes to Town”
O proxecto, que ten o Camiño de Santiago como nexo, desenvolveríase de maneira compartida coas cidades de Gydnia (Polonia) e de Rávena e Módena (Italia)
O Goberno galego lidera a iniciativa, que contará como socios co Concello de Santiago, coa USC, a UVigo e a UDC, dado que habería actividades nos distintos campus, e coa Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica
Román Rodríguez subliña que será “un procedemento esixente e que, de conseguilo, suporía un reforzo á I+G+i para visibilizar o sobresaínte traballo científico que se desenvolve na nosa Comunidade e permitiría, ademais, captar novos investimentos”
A Xunta de Galicia formalizou no día de hoxe a súa candidatura para que Santiago de Compostela poida ser elixida cidade europea da ciencia no ano 2028. Deste xeito, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP culmina un traballo de meses co obxectivo de lograr un novo fito para a I+G+i, a investigación e a innovación feitas na nosa Comunidade, un ámbito de actuación que o Executivo autonómico considera prioritario na súa acción de goberno.
Como explica o conselleiro Román Rodríguez, “iniciamos un procedemento esixente, dado que esta é unha convocatoria moi competitiva e, polo tanto, cun obxectivo que non é doado de acadar, pero que cómpre intentalo porque, de conseguilo, suporía un reforzo para visibilizar o sobresaínte traballo científico que se desenvolve na nosa Comunidade, cada vez máis recoñecido a nivel internacional”. Ademais, sinalou, que “a obtención desta distinción levaría aparellada a captación de novos investimentos”.
Estes fondos beneficiarían tanto a capital galega como as cidades de Vigo e da Coruña. De feito, a candidatura liderada pola Xunta de Galicia conta como socios galegos coa cidade compostelá e coas universidades de Santiago, de Vigo e da Coruña, que poderían desenvolver actividades nos seus campus dentro da programación. Tamén participa a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.
Ata agora, España non ten conseguido ningunha declaración de cidade europea da ciencia polo que, se a candidatura da Xunta obtivese o visto bo, Santiago sería a primeira.
Obradoiros, festivais e actividades educativas
O proxecto, que leva por nome Ways, usa o concepto do Camiño de Santiago para conectar á cidadanía coa ciencia inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade que caracteriza á Ruta Xacobea. Con esta finalidade, proponse converter o proxecto nun percorrido europeo que une tres rexións: Galicia (España), Pomorskie (Polonia) e Emilia-Romagna (Italia) a través das cidades de Santiago, Gdynia, Rávena e Módena.
A Comisión Europea é a institución encargada da convocatoria, denominada Science Comes to Town e que acada a súa terceira edición. A través dela, financia iniciativas que achegan a ciencia á sociedade. Apoia a organización de eventos públicos como festivais, obradoiros ou actividades educativas co obxectivo de promover a cultura científica, fomentar o interese pola investigación e fortalecer a relación entre ciencia e cidadanía. Este é precisamente un dos obxectivos do Plan galego de investigación e innovación aprobado pola Xunta de Galicia o pasado ano e dotado con máis de 1.300 M€.
Como parte da programación, Galicia albergaría tamén a celebración de dous concursos europeos que premian a ciencia excelente na mocidade: EUCYS e TalentON. Isto permitiría seguir fomentando vocacións investigadoras e recoñecer o talento emerxente.