Resolución do Concurso-Exposición Letras Galegas 2026

Mar, 17/02/2026 - 08:15

A Secretaría Xeral da Lingua convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para elaborar unha exposición sobre Begoña Caamaño, a escritora e xornalista homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.

Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Begoña Caamaño, un camiño de sementes, elaborada polo CEIP Plurilingüe Ribadavia, de Ribadavia (Ourense).

Na categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada é De Circe a Morgana, do IES Castelao, de Vigo (Pontevedra).

Cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e época da homenaxeada o Día das Letras Galegas.

O centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2 000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos seleccionados obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior, bibliotecas e outros; e tamén estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados pola SXL e polos equipos de dinamización da lingua galega.

A SXL agradece a participación nesta iniciativa, que require sempre un grande esforzo e entusiasmo da comunidade educativa.

Pódese consultar a Resolución da convocatoria do concurso no documento anexo.