A Xunta actualizará os currículos educativos e traballará coas empresas tecnolóxicas para blindar un uso seguro e responsable das ferramentas dixitais
Román Rodríguez subliña a importancia desta folla de ruta para garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia e fortalecer a convivencia nas aulas
Avanza que os currículos promoverán o pensamento crítico e a capacidade de toma de decisións informadas sobre o uso da tecnoloxía
Estableceranse alianzas co sector para elaborar un ‘Código galego de boas prácticas tecnodidácticas’ e mellorar a privacidade e transparencia das ferramentas informáticas
A través do reto ‘Apagamento dixital’, o alumnado participante no ‘Contrato de vida dixital’ comprométense a estar 24 horas sen usar internet e dispositivos electrónicos
Ademais, ponse á súa disposición un sistema de autoavaliación, o ‘Modo consciente-ON’, para identificar o cumprimento dos obxectivos de desconexión acordados
A Xunta de Galicia, a través do Plan integral de benestar dixital, actualizará os currículos educativos e traballará da man das empresas tecnolóxicas para a sensibilización no uso seguro das ferramentas dixitais no eido escolar e na mellora da seguridade e a privacidade das mesmas.
Así o avanzou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, no acto de presentación do plan logo da súa aprobación no Consello da Xunta, que congregou en Santiago a preto dun cento de asistentes entre representantes de centros escolares, universidades e da comunidade educativa en xeral.
O titular de Educación do Goberno Galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innnovación Educativa, Judith Fernández, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, salientou a importancia deste plan como a folla de ruta para impulsar o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais co fin de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia e o bo clima de convivencia, e co que se dá resposta a unha demanda da comunidade educativa neste eido.
Ademais da posta en marcha do Contrato de vida dixital para fomentar a desconexión do alumnado fóra do horario escolar, entre as novidades do plan, Román Rodríguez explicou que os currículos educativos van incorporar modificacións para asegurar o desenvolvemento de habilidades tecnolóxicas dos alumnos e fomentar un uso “consciente, responsable e saudable” das ferramentas dixitais.
Así pois, a través dos contidos dos currículos das distintas etapas buscarase fortalecer a reflexión crítica, a cidadanía dixital e o manexo ético e seguro da internet e das redes sociais e o uso responsable da intelixencia artificial, entre outros. Trátase, en definitiva, de “desenvolver o pensamento crítico e a capacidade de toma de decisións informadas fronte ao uso da tecnoloxía”, especificou o conselleiro.
Implicación da industria dixital
Nesta mesma liña, Román Rodríguez avanzou novas medidas en canto a seguridade e privacidade da man de alianzas co sector industrial dixital. Segundo sinalou, “a complexidade do ecosistema dixital actual fai imprescindible unha acción coordinada entre todos os axentes que inflúen no benestar dixital da infancia e da adolescencia”. Isto é, establecer unha gobernanza estable e coordinada entre administracións, institucións entidades e axentes sociais e tamén contar coa implicación da industria dixital. Neste senso, o Plan integral de benestar dixital contempla acordos co sector tecnolóxico para mellorar a seguridade, privacidade e transparencia das ferramentas informáticas.
Unha das cuestións novidosas é a elaboración dun Código galego de boas prácticas tecnodidácticas, que se desenvolverá xunto á industria do sector, ao que tamén se lle brindará a oportunidade de participar en proxectos de innovación aplicada ao benestar dixital, en colaboración coas universidades, centros de investigación e empresas TIC.
Compromiso de 24 horas sen conexión
Por outra parte, vinculado ao Contrato de vida dixital, desenvolverase o reto Apagamento dixital, a través do cal, o alumno participante se compromete a estar 24 horas sen usar internet e dispositivos electrónicos.
Así mesmo, incorporarase un sistema de autoavaliación para o alumnado. Trátase do Modo consciente-ON, unha proposta a través da cal o estudante poderá identificar os compromisos cumpridos no marco do uso responsable de internet.
Medio cento de accións e 7,4 M€
Cun orzamento de 7,4 M€, o Plan integral de benestar dixital abrangue un paquete de medio cento de medidas para desenvolver ao longo de cinco anos deseñadas coas achegas de recoñecidos expertos dos eidos da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina. En concreto, estiveron implicados Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC; Susana Rey García, médico pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o doutor en Dereito, Julio José Fernández; Susana Lamela, orientadora do Colexio As Veigas de Ponteareas e Marta Barrios, especialista do Equipo de Orientación Específico de Lugo, entre outros, varios dos cales interviñeron hoxe no acto.
Esta folla de ruta ata 2030 estrutúrase en cinco eixos de actuación e seis dimensións de impacto tecnolóxico que son as conductas de risco e ciberseguridade, os hábitos de vida saudables, a garantía dos dereitos e dos valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo e a socialización e o desenvolvemento persoal. Nela planifícanse actuacións específicas dirixidas aos centros educativos, o alumnado, o profesorado e as familias.