As charlas e talleres formativos para familias en materia de benestar, convivencia e tecnoloxía impulsados pola Xunta esgotan as prazas
O conselleiro Román Rodríguez salienta a boa acollida destas novas iniciativas desenvolvidas ao abeiro da Estratexia galega de convivencia escolar
Preto de 300 persoas participan en Santiago nunha xornada sobre benestar na adolescencia na que interveñen expertos en psicoloxía, psiquiatría e ciberseguridade
Tamén se completaron os 250 obradoiros ofertados no marco do programa ‘Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade’
As charlas e talleres formativos dirixidas ás familias en materia de benestar, convivencia e tecnoloxía impulsados pola Xunta como novidade este curso esgotan as prazas ofertadas, o que confirma a boa acollida destas iniciativas que teñen como finalidade axudar ás nais e pais a que dispoñan das ferramentas necesarias para abordar cos seus fillos estas cuestións.
Precisamente, no marco da Estratexia galega de convivencia escolar, baixo o título A familia como base do crecemento persoal e emocional, hoxe desenvólvese unha xornada formativa en materia de benestar emocional na adolescencia no CIFP Politécnico de Santiago, cun aforo de case 300 persoas participantes. Así mesmo, o novo programa Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, impulsado pola Xunta tamén encheu os 250 obradoiros ofertados, cunhas 6.300 persoas inscritas a través das anpas.
En ambos casos, búscase recabar a implicación das familias no proceso de aprendizaxe dos seus fillos ao tempo que reforzar o seu coñecemento dixital e axudalas no labor de acompañamento aos seus fillos.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura da xornada formativa no Politécnico, na que subliñou que o fomento da convivencia nas aulas é “unha prioridade de Goberno” que require da participación de todos os axentes da comunidade educativa, tanto das familias coma dos docentes e dos propios alumnos, nesta “tarefa colectiva”. O conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, no encontro, que contou coa participación de especialistas en psicoloxía, psiquiatría e ciberseguridade para abordar cuestións como o establecemento de límites aos rapaces e o uso responsable das novas tecnoloxías.
Con esta actividade, o Goberno galego reforza o papel fundamental que xoga a contorna familiar para avanzar no benestar e a convivencia coas novas tecnoloxías ao tempo que se avanza na aposta polo ensino híbrido en Galicia, onde se combinan os métodos tradicionais de aprendizaxe cos dixitais, aproveitando as potencialidades que ofrecen estas últimas. Precisamente, no que atinxe ao afianzamento deste modelo, un dos puntos nos que se fai fincapé é no traballo coas familias no eido da información, o benestar dixital e a seguridade.
Relatores
O experto Alexandre García Caballero, doutor en Psiquiatría e especialista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), foi o encargado de abrir a xornada cun relatorio Axudando a crecer cando cambian os marcos.
Tamén interveñen Selva Orejón, consultora en ciberseguridade e identidade dixital e perito xudicial, directora executiva de OnBranding, cunha charla Como ensinar ás túas fillas e fillos a usar a tecnoloxía de forma segura e responsable. O programa péchase con Amor e límites para axudar ao teu adolescente a cargo de María Velasco Ghisleri, especialista en Psicoterapia Integradora e Psicoterapia do Neno e do Adolescente.