Xunta, patronal e catro dos seis sindicatos da Comisión tripartita do ensino concertado acadan un acordo para a xubilación anticipada destes docentes
A partir deste ano, os profesores ao que lle resten dous anos para xubilarse poderán acollerse á nova regulación de xubilación parcial estatal
O acordo será subscrito por FSIE, UGT, CCOO e USO, mentres que CIG-Ensino e SNEP deciden manterse fóra do mesmo
O Goberno galego asumirá os gastos salariais e de Seguridade Social derivados ata que a persoa xubilada teñan dereito á pensión íntegra
A Xunta, as patronais e catro das seis organizacións sindicais representadas na Comisión tripartita do ensino privado concertado de Galicia veñen de acadar un acordo en materia de xubilacións para os docentes destes centros escolares.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Bértolo, presidiu hoxe a reunión na que, logo dun intenso traballo previo, se consensuou que o profesorado dos centros concertados cuxos salarios asume integramente a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP poderá acollerse a partir deste curso á nova regulación de xubilación parcial a nivel estatal.
O acordo foi pechado pola patronal do ensino concertado representada por CECE, Escolas Católicas e ACES, así como polos sindicatos FSIE, UGT, CCOO e USO, que aglutinan a máis do 90% da representación do profesorado dos centros concertados. Pola súa banda, os sindicatos CIG-Ensino e SNEP, tamén presentes na reunión, optan por manterse fóra do acordo, que será subscrito proximamente.
Segundo o acordado, a Administración educativa asumirá os gastos salariais e de Seguridade Social derivados do contrato a tempo parcial da persoa xubilada parcial ata que teña dereito á pensión de xubilación íntegra.
Para acollerse a esta prexubilación, o docente debe estar vinculado coa súa empresa (un centro concertado) por un contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa, impartir ensinanza nunha unidade concertada en xornada completa durante un mínimo de seis anos ininterrompidos e inmediatamente anteriores a data de inicio da xubilación parcial e que o período de tempo que medie entre a data de inicio da xubilación parcial e a data de xubilación total sexa igual ou inferior a dous anos, entre outros.