A Xunta apoia unha competición de vehículos eficientes deseñados por alumnos de FP que fomenta a conexión co tecido produtivo e a mobilidade sostible
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na presentación da Carreira Barreiros eMotionFP A Estrada Urban que se celebrará nesta vila o 13 de novembro
Estudantes de toda Galicia compiten nun circuíto urbano con vehículos eléctricos fabricados e pilotados por eles mesmos
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na presentación da Carreira Barreiros eMotionFP A Estrada Urban Race, unha iniciativa da Xunta de Galicia organizada polo Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros que ten como obxectivo promover a innovación, a mobilidade sostible e o talento técnico da FP galega.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sinalou que esta actividade se enmarca na estratexia do Goberno galego para conectar a FP galega coa realidade tecnolóxica e industrial. “O Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros está a dar pulo a esta colaboración a través do desenvolvemento de 14 proxectos de investigación e de innovación aplicada e metodolóxica”, detallou.
En concreto, a celebración desta carreira é unha das accións incluídas no proxecto de innovación metodolóxica EMOTION FP: Deseño de vehículos enerxeticamente eficientes, que busca desenvolver prototipos eléctricos capaces de competir en probas reais que permitan avaliar a súa eficiencia, promovendo así un modelo de aprendizaxe práctica centrado na sustentabilidade, o deseño intelixente e a innovación aplicada.
A carreira celebrarase o vindeiro xoves 13 de novembro na localidade pontevedresa da Estrada e reunirá equipos de alumnado de centros de FP de toda Galicia, que competirán nunha proba de resistencia dunha hora nun circuíto urbano na que gañará o equipo que logre completar o maior número de voltas cun vehículo eléctrico deseñado, fabricado e pilotado por eles mesmos.
Os prototipos, automóbiles monopraza de catro rodas con carrozarías lixeiras e aerodinámicas, son desenvolvidos desde cero por equipos multidisciplinares formados por alumnado da FP galega das especialidades de Automoción, Electricidade, Electrónica, Deseño, Administración ou Comunicación. Cada vehículo está propulsado por un motor eléctrico alimentado por unha batería estándar, elementos fixados pola organización para garantir a igualdade de condicións técnicas.
A iniciativa forma parte, ademais, do calendario internacional Greenpower, orientado a fomentar no alumnado da FP competencias vinculadas á enxeñaría, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade.