Convocatoria bolsa para impartir docencia, como persoa experta, en determinados módulos profesionais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico/a superior en Formación para a Mobilidade Segura e Sustentable curso 2025/26

Mar, 21/10/2025 - 14:37

Publícase a resolución do 21 de outubro de 2025 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca un procedemento para a elaboración dunha bolsa para impartir docencia, como persoa experta, en determinados módulos profesionais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico/a superior en Formación para a Mobilidade Segura e Sustentable durante o curso 2025/26. (código de procedemento PR004A).

Prazo de presentación de solicitudes: desde MAÑÁ mércores 22 de outubro ata o venres 24 de outubro de 2025, ambos incluídos.

Como cubrir a solicitude de inscrición:

1º. Deben acceder á Sede electrónica a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/portada e cubrir unha solicitude xenérica procedemento PR004A.

2º. Premer na icona “Tramitar en liña”

Lémbrase que para a realización dos trámites electrónicos debe posuír calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola Sede electrónica da Xunta de Galicia (base terceira da resolución de convocatoria).

3º. Siga os pasos indicados: cubrir datos, anexar documentación, asinar e presentar no rexistro electrónico e obter recibo.

4º. Lembre que deberá achegar coa solicitude e a restante documentación establecida na resolución o Anexo I (Declaración responsable e autorización para a consulta de datos persoais) e a xustificación do pagamento das taxas polo que deberá ter realizado o seu pagamento antes de presentar a solicitude na sede.

En caso de dúbidas, dificultades técnicas ou necesidade de máis información que xurda durante o proceso de presentación e tramitación electrónica da solicitude, poden dirixila ao servizo 012. Para obter máis información ao respecto prema aquí.

Para calquera aclaración ou información ao respecto do pagamento telemático das taxas poden dirixila premendo aquí.

Non se admitirá ningunha solicitude que non sexa tramitada mediante o procedemento PR004A.