Román Rodríguez salienta a fortaleza da FP na área de Lemos, a que máis medra en matrícula de toda Galicia
Un total de 846 persoas do eixo Lemos-Chantada-Quiroga optan este curso por esta formación, o que supón un crecemento de máis do 8%
O conselleiro sinala que isto é froito da aposta da Xunta por unha oferta variada, de calidade e “pegada aos intereses e demandas de cada territorio”
Anuncia que, atendendo ao compromiso da Consellería de mellorar as infraestruturas educativas, a Consellería está traballando na ampliación do IES A Pinguela en 2026
O eixo Lemos-Chantada-Quiroga é o máximo expoñente da fortaleza da Formación Profesional galega este curso, xa que é a área de Galicia que máis medra, con 846 persoas matriculadas, o que representa un incremento do 8,18% con respecto ao curso pasado.
Así o puxo de manifesto hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita aos institutos IES A Pinguela e IES Francisco Daviña Rey, ambos en Monforte de Lemos, onde reiterou a aposta do Goberno galego por unha Formación profesional “moderna e innovadora” e “pegada aos intereses e demandas de cada territorio”.
Segundo o conselleiro, “un ano máis” as ensinanzas de FP seguen consolidándose en Galicia cunha cifra récord de 71.229 matriculados, o que supón un incremento do 3,5%. Unha dinámica que se reflicte tamén no conxunto da provincia de Lugo, con preto de 7.300 matrículas (un 4% máis) e, especialmente na área de Lemos-Chantada e Quiroga.
Neste último caso, cómpre destacar a boa acollida das novas titulacións de Alta Especialización como o ciclo de grao medio Confección de moda e oferta parcial de calzado e complementos de moda do IES A Pinguela e o grao superior Sistemas de telecomunicacións e informáticos e oferta parcial de sistemas electrónicos e automatizados.
Aínda que non de nova implantación este curso, tamén salientar a demanda dos másteres de grao superior Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da operación e Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviaria, ambos no IES Daviña Rey.
Estes datos corroboran a folla de ruta da Xunta de Galicia en materia de FP cun impulso cualitativo destas ensinanzas a través de modalidades innovadoras e de alta especialización.
Ampliación de A Pinguela
No marco do compromiso da Consellería de seguir mellorando as infraestruturas educativas e dar resposta ás demandas dos estudantes, Román Rodríguez avanzou que o seu departamento ten previsto redactar o vindeiro ano un proxecto de ampliación do Instituto A Pinguela co fin de dotalo de instalacións axeitadas de cara ao futuro.
Esta ampliación unirase a outras obras de envergadura acometidas en Monforte como foi a rehabilitación integral levada a cabo no IES Daviña Rey, cun investimento de 1,4M€.