A Xunta convoca ‘Biblioteca creativa’ para que 25 centros educativos se incorporen a este programa de estímulo da investigación e a experimentación

O prazo de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro, tanto para os novos centros como para a continuidade dos 191 que xa forman parte desta iniciativa

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita a biblioteca do Colexio de Figueiroa, na Estrada, que forma parte deste programa desde o curso 2016/17

Lun, 15/09/2025 - 15:31
Judith posando sentada, rodeada por alumnado do centro

A Xunta de Galicia vén de convocar o programa Biblioteca creativa para que 25 novos centros educativos se incorporen a esta iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Este programa, de estímulo da investigación, conta actualmente con 191 centros, todos eles integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares.

 

Enmarcado no Plan LÍA (Lectura, información e aprendizaxe), o programa Biblioteca Creativa busca apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación nas bibliotecas escolares. Así o sinalou a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Férnandez, nunha visita ao Colexio de Figueiroa, na Estrada, para coñecer os proxectos que docentes e alumnado realizan ao abeiro desta iniciativa, da que forman parte desde o curso 2016/17.

 

A representante da Consellería de Educación informou no colexio de que a convocatoria para a incorporación de novos centros, así como para dar continuidade aos xa integrados, estará aberta ata o 30 de setembro. Para solicitar participar nesta iniciativa, o centro deberá facelo a través da aplicación informática Programas Bibliotecas. A directora xeral destacou, ademais, que iniciativas coma esta contribúen a que Galicia sexa unha comunidade líder en pensamento creativo segundo o informe PISA.

 

Achega de ata 1.000€

As bibliotecas escolares participantes dótanse dun espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimúlase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de diferentes actividades. Búscase, así mesmo, promover a expresión oral, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo.

 

Os 25 centros de nova incorporación seleccionados terán unha asignación económica de 1.000 euros para a dotación dun espazo creativo dentro da biblioteca, cos materiais necesarios para a posta en marcha da iniciativa. No caso dos centros incorporados o pasado curso, recibirán unha asignación de 500 euros para adquirir materiais que faciliten a investigación e a experimentación. Pola súa banda, o resto e centros de continuidade recibirán unha asignación de 500 euros que deberá destinarse integramente á formación do alumnado coa realización de obradoiros.

 

Colexio de Figueiroa

O Colexio de Figueiroa da Estrada converteu o programa Biblioteca creativa nunha liña transversal do seu día a día, organizando actividades moi variadas e continuadas no tempo. Todas as titorías teñen unha sesión semanal para coñecer e traballar os recursos deste espazo. Entre eles destacan a elaboración de hologramas ou ‘Creando para tod@s’, no que recollen as necesidades de recursos na aula e se elaboraban os produtos requiridos.

 

O Colexio de Figueiroa participa no Plan de mellora de bibliotecas escolares desde o curso 2008/09 e no programa Radio na biblio desde o curso 2018/19. Destaca, neste eido, a participación do alumnado voluntario na xestión e organización da biblioteca escolar, así como impartindo obradoiros nos tempos de lecer ao alumnado ou creando materiais para a divulgación dos recursos da biblioteca para toda a comunidade educativa.