A Xunta destina 265.000€ ás axudas ás escolas de música para o fomento da formación musical

As escolas de música públicas e privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro poden solicitar as subvencións ata o 31 de xullo

Sáb, 14/06/2025 - 12:04
Escolas de música

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca unha liña de subvencións, dotadas cun total de 265.000 euros, destinadas a apoiar escolas de música públicas ou privadas sen ánimo de lucro promovidas por asociacións ou fundacións. O propósito destas axudas é reforzar o funcionamento dos centros dedicados ao ensino musical, así como apoiar iniciativas que contribúan á difusión e extensión destas ensinanzas. O prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de xullo.

As subvencións, de ata 9.000 euros por entidade, cubrirán as actividades docentes desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2025. Estes centros adoitan ofrecer formación básica en música e movemento, práctica instrumental, actividades de conxunto e preparación para as probas de acceso a estudos regrados, polo que son espazos fundamentais tanto para a iniciación musical como para o cultivo de vocacións

A presentación das solicitudes realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Estas subvencións serán compatibles con outras axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.