A Xunta e as tres universidades públicas galegas acordan crear un grupo de traballo para actualizar e potenciar o acordo de 2015 sobre o grao en Medicina
O obxectivo é integrar no sistema educativo toda a potencialidade dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e dos diferentes hospitais
Comeza un proceso de diálogo para organizar a docencia do grao de Medicina nos próximos anos desde o espírito da colaboración e a unión de forzas
A Xunta e as tres universidades públicas galegas acordaron crear un grupo de traballo para actualizar e potenciar o acordo de 2015 sobre o grao de Medicina. Así o explicaron os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en declaracións aos medios ao remate da reunión do Consello de Docencia Clínica, xunto cos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa; e da Coruña, Ricardo Cao.
Tal e como explicaron os representantes da Xunta, as partes coinciden na necesidade de afondar, desde unha posición de consenso, no pacto acadado en 2015. O novo documento debe partir do mesmo espírito de cooperación para facer os axustes necesarios e mellorar a súa concreción teórica e práctica e as medidas relativas á descentralización teórica e clínica. O obxectivo é integrar no sistema educativo toda a potencialidade dos profesionais Servizo Galego de Saúde e dos diferentes hospitais.
Os conselleiros fixeron unha valoración positiva da reunión do Consello de Docencia Clínica e agradeceron aos tres reitores a súa participación e o espírito de colaboración. Coa creación deste grupo de traballo comeza un proceso de diálogo que toma como punto de partida o acordo de hai unha década para organizar a docencia do grao de Medicina nos próximos anos desde a perspectiva da unión de forzas e a cooperación entre as partes.
Segundo o acordado na reunión, o grupo de traballo terá nove membros, estará presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e contará coa participación dos outros dous reitores ou das persoas nas que deleguen. Participarán tamén o decano da Facultade de Medicina, José Carreira Villamor; a vicexerente do Sergas, Carmen Balboa; tres sanitarios das áreas sanitarias da Coruña, de Santiago e de Vigo, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
No seo deste grupo estableceranse un cronograma específico para avanzar nas diferentes áreas de traballo.