Román Rodríguez destaca a I Feira Educativa de Lalín como unha boa oportunidade para visibilizar o traballo dos centros educativos
O conselleiro de Educación visita esta cita do calendario Galicia Educa, na que se prevé a participación de arredor de 1.000 estudantes
Máis de dez centros amosan a súa oferta académica e proxectos didácticos innovadores
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na I Feira Educativa de Lalín, unha iniciativa enmarcada no calendario Galicia Educa, promovido pola Xunta de Galicia para dar visibilidade ao labor dos centros escolares e reforzar a orientación vocacional do alumnado. O evento, que se desenvolve ao longo desta xornada, reúne dez centros educativos do concello que presentan as súas propostas formativas e proxectos pedagóxicos. Espérase a asistencia de preto de 1.000 alumnos e alumnas.
Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, felicitou a docentes, estudantes e equipos directivos pola calidade e creatividade das iniciativas expostas. Subliñou que encontros coma este serven para “amosar o excelente traballo que se realiza nos centros, cunha aposta clara pola innovación, a tecnoloxía, a arte e a aprendizaxe baseada en proxectos”. Engadiu, ademais, que estas feiras son “un recurso para axudar á mocidade a descubrir as súas vocacións e coñecer de primeira man as distintas opcións educativas”.
Entre as actividades que se exhiben destacan xogos interactivos, obradoiros, representacións teatrais, actuacións musicais e recitais poéticos. Participan nesta feira o Colexio CEIP Xoaquín Loriga, Colexio CEIP Plurilingüe Varela Buxán, Colexio CEIP Xesús Golmar, Colexio CEIP Vicente Arias, Colexio CEIP Manuel Rivero, Instituto IES Ramón María Aller, Instituto IES Laxeiro, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, EEI de Donramiro e o Conservatorio Profesional de Música de Lalín (CMUS).
Galicia Educa
A Feira de Lalín forma parte do programa Galicia Educa, unha rede de encontros promovida pola Consellería de Educación para destacar boas prácticas nos centros e reforzar as estratexias de orientación académica e profesional. Trátase dunha aposta da Xunta para visibilizar o traballo dos centros escolares e achegar o sistema educativo galego á sociedade.